RESPOSTA Á FGC
O MAPAMA confirma: NON é necesario o rexistro dos remolques de cans de caza
16/3/2018

A Consellería de Medio Rural ven de contestar á consulta realizada pola Federación Galega de Caza o pasado ano, en relación á necesidade de rexistrar os medios de transporte de cans de caza, unha dúbida que asaltaba e preocupaba aos cazadores galegos.

Con data 28/12/2017 a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comunicáballe a esta Federación que estaban á espera de que o MAPAMA (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de España) considerara como definitivo o DOCUMENTO PREGUNTAS Y RESPUESTAS. LEGISLACIÓN BIENESTAR Y SANIDAD EN EL TRANSPORTE DE ANIMALES VIVOS, no que se aclaraba definitivamente o criterio a ter en conta en canto á obriga de rexistro dos vehículos de transporte de cans de caza polo propio cazador na súa privada actividade cinexética.

En base a isto o Servizo de Sanidade Animal ven de confirmarlle no día de hoxe á Federación Galega de Caza a circular enviada ás Forzas e Corpos de Seguridade que realizan tarefas de control de tráfico en Galicia, distintas unidades da Garda Civil así como Policía Autonómica, na que, resumidamente, se indica o seguinte:

En relación ao transporte de cans de caza transportados polos seus propietarios cazadores nos desprazamentos da propia actividade cinexética, enténdese que estes animais son considerados a todos os efectos como animais domésticos sen finalidade comercial polo que os vehículos que os transportan non están obrigados á inscrición no rexistro de vehículos autorizados para o transporte de animais vivos, así como tampouco é necesario que os seus propietarios estean rexistrados como transportistas de animais vivos.

Isto non aplica ao transporte destes animais cando son transportados como “rehalas”(mandas) na actividade cinexética que si son considerados como unha actividade comercial e polo tanto lles é esixible o rexistro e autorización tanto do transportista como dos seus medios de transporte.

Esta mesma información foi trasladada igualmente a todas unidades dos Servizos Veterinarios Oficiais dependentes da Consellería do Medio Rural, indicando que a partir desa data, o rexistro destes vehículos e os seus transportistas para esta actividade é considerado voluntario.

 A Federación Galega de Caza quere trasladar este comunicado oficial a tódolos cazadores galegos para que, de unha vez por todas, quede clarificado esta cuestión que tantos quebradeiros de cabeza e preocupacións lle deron nos últimos meses.