MÁIS DE 15.000 GALEGOS
Galicia escoitou un “Si á Caza”
16/04/2018

Milleiros de cazadores, milleiros de pescadores e milleiros de galegos e galegas do noso rural concentráronse hoxe, 15 de abril, en Santiago de Compostela de xeito rotundo para reivindicar a importancia e necesidade da caza, da pesca e do futuro no mundo rural

Baixo o lema de “Si á Caza, polo futuro do rural galego” a rúa santiaguesa do Hórreo, fronte ao Parlamento de Galicia, quedábase pequena, moi pequena, para acoller aos 15.000 cazadores, pescadores e labregos que acudían á chamada da Federación Galega de Caza (FGC) e da Real Federación Española de Caza (RFEC). 

Unha chamada para defender a caza e o orgullo de ser cazador, unha chamada para amosarlle a sociedade urbana a importancia e necesidade da actividade cinexética no rural galego, tanto a nivel social como económico. Hoxe moitos galegos puxeron en valor a caza sostible, a caza como ferramenta de xestión do medio ambiente e das súas especies.

Hoxe milleiros de cazadores puxeron o freo e pediron respeto a súa actividade, unha actividade legal e regrada, unha actividade que nos derradeiros meses foi atacada, insultada e desprezada por unha parte da sociedade cada vez máis metida nas grandes urbes e afastada do rural. Un rural que pediu que o escoitaran, os sindicatos agrarios, da man da Federación Galega de Caza e de Pesca, loitaron hoxe polo futuro no campo.

Dende as 10 da mañá a capital galega foi un goteo incesante da chegada de cazadores dende calquer recuncho de Galicia, 100 autobuses e milleiros de desprazamentos particulares, fixeron que as previsións dos convocantes, a FGC e a RFEC, se viran sobrepasadas e o Hórreo precisara das rúas proximas para acoller a tanto cazador, pescador e labrego. Unha concentración que se extendeu por todo o territorio nacional realizándose simultaneamente en 40 capitais de provincia en toda España “Si a la caza, una forma de vida”.

Ás 12:00 era a hora prevista para a rolda de intervencións, comenzando coa lectura do argumentario da Concentración por parte das Xuventudes pola Caza, rapazas e rapaces cazadores que reivindicaron un futuro cinexético. O presidente da Federación Galega de Pesca, José Manuel Rey Alvela, foi o seguinte intervir para poñer en valor a pesca deportiva e amosar o rotundo apoio a caza galega. O campo e os pobos da nosa comunidade tiveron o seu espazo através de representantes dos sindicatos agrarios e alcaldes de moitos concellos galegos, con independecia da súa cor política, poñendo en valor a caza como ferramenta de minimización dos danos causados nas colleitas e como caracter social e económico pos nucleos rurais. Pero as cotas máis altas de decibéis acadáronse coa intervención de Javier Nogueira Diz, presidente da Federación Galega de Caza... “hoxe amosamos a forza do noso colectivo, hoxe a caza deu un paso adiante, a sociedade galega e os nosos políticos, si ou si, teñen que ter en conta o que pasou hoxe aquí na capital galega”. Acompañado polas voces de milleiros de cazadores, o representante dos cazadores galegos remataba a sua intervención cun “Si á caza... Si á caza".