EN XEVE
Roberto Rodríguez gañador dun Autonómico de Compak moi disputado ata o derradeiro prato
04/06/2018

XIX Campionato Galego de Compak Sporting

Foi o tirador pontevedrés Roberto Rodríguez Fernández o que se fixo con este campionato autonómico despois de realizar unha extraordinaria tirada durante toda a xornada, ao igual que o tirador de A Coruña Ángel Mosquera Cornide quen pelexou intensamente o primeiro posto do podio. Chegando ámbolos dous tiradores a un empate a 131 pratos ao remate do campionato o que fixo preciso realizar un desempate no que tamén escacharon o mesmo número de pratos, 23 nesta ocasión, e foi a “morte súbita” a que decidiu o título autonómico.

Baixo a organización da Federación Galega de Caza e a colaboración do Clube de Tiro Río Lérez – San Andrés de Xeve (Pontevedra), arrincaba esta décimo novena edición da fase final do autonómico de Compak Sporting con 61 tiradores inscritos. Un campionato disputado a 150 pratos en 3 campos a dúas voltas e con esquemas con gran variedade de pratos e traxectorias, onde os pratos simultáneos foron os que decidiron a clasificación final.

Destacamos o esforzo organizativo por parte da directiva do Clube de Tiro Río Lérez durante moitos días previos a esta cita do tiro galego.

Na clasificación xeral absoluta foi o tirador Roberto Rodríguez Fernández o que se facía co Campionato Galego ao acadar un total de 131 pratos. Co mesmo número de pratos a plata era para Ángel Mosquera Cornide e o bronce para Manuel Blanco Puertas con 129 arxilas. Estes tres tiradores tamén obtiveron as mesmas posicións na clasificación seniors 1ª.

En seniors 2ª o campión era José Antonio Vasconcellos Vicente con 128 pratos seguido de Marcos Vázquez Cabado con 126 pratos e Daniel Dominguez Treinta con 125.

Xa en seniors 3ª o primeiro posto recaia en Francisco Javier Villanueva Dejaune ao derrubar 120 pratos. A 1 prato de Villanueva remataba Ángel Gómez Gónzalez en segunda posición. Lino Castro Leiras facíase co bronce con 115 pratos.

En veteranos o campión da proba era José Rodríguez Cameselle con 119 pratos. Nesta categoría a competición tamén estivo moi rifada e precisouse realizar un desempate polo segundo e terceiro posto entre Fernando Sánchez Mancebo e Eliseo Faraldo Fernández que remataron a proba con 118. No desempate o subcampionato foi para Sánchez Mancebo.  

En xuvenís Alejandro Fernández Seco con 117 pratos sobrepasaba claramente aos outros dos xóvenes tiradores, Julio Fernández Pereira e Lucas Otero Álvarez, que acadaban o segundo e terceiro posto respectivamente non sen antes tamén realizar un desempate.

Artemio Formoso Barro en handisport, Ángel Mosquera Rodríguez en superveteranos e Mercedes Saavedra en donas eran os campións nas diferentes categorías.

Como ocorreu en outras edicións, tivo lugar unha clasificación por equipos, na que resultaba gañador o equipo composto por Daniel Domínguez Treinta, Alberto Abad Comesaña e José Antonio Vasconcellos Vicente con 374 pratos. Marcos Vázquez Cabado, Constantino Vilar Rodríguez e Juan Carlos Bande era o equipo segundo clasificado con 368 pratos. Con 353 pratos e en terceira posición remataba o equipo de José Manuel Torres Parada, Francisco Javier Rivero Martínez e Ángel Vidal Quintela.

A selección galega quedaba composta polos seguintes tiradores: Roberto Rodríguez Fernández, Ángel Mosquera Cornide, Manuel Blanco Puertas, Artemio Formoso Barro e José Rodríguez Cameselle.