EN RIO SAR
O pontevedrés Manuel Blanco Puertas proclamouse campión galego na final autonómica de Percorridos de Caza
25/06/2018

O campión, Manuel Blanco Puertas, competindo

Cun ambiente extraordinario, unha organización de “10” , un calor abafante que influíu de sobre maneira nas marcas acadadas e baixo a organización da Federación Galega de Caza e a magnífica posta en escena pola Sociedade Santiaguesa “Río Sar”, o domingo 24 de xuño disputábase nas instalacións da citada entidade deportiva compostelán o XXXI Campionato Autonómico de Percorridos de Caza que resultou moi disputado e o que accederon de maneira directa o superar a criba dos respectivos provinciais, un total de 66 tiradores, mailo campión da pasa edición  e os dous clasificados pola Copa de Galicia, aos que se lles uniron outros 14 deportistas da escopeta que competiron por “libre”.

A tirada, logo dunha calorosa e longa noite de San Xoán visiblemente reflectida na faciana dalgúns participantes, arrincaba pouco despois das oito da mañá para rematar preto das nove da tarde-noite coa proclamación dos gañadores e a clausura desta edición. Actos que se levaron a cabo conxuntamente polos presidentes da Sociedade anfitrioa, Luís Sánchez Mancebo e o da Federación Galega, Javier Nogueira Diz, nas mesmas instalacións deportivas que, por certo,  foron eloxiadas polos que nonas coñecían.

Tocante a actuación dos protagonistas salientar ese bonito dolo deportivo mantido polos “séniors” Manuel Blanco Puertas, Ángel Mosquera Cornide, Daniel García Cebreiro e Manuel García Pombo, empatados o final os dous primeiros a 128 acertos e a só un punto de diferenza os dous segundos, polo que tiveron que desempatar para decidir a orde clasificatoria.

O subcampión, Ángel Mosquera Cornide, a piques de realizar o tiro

Os encargados de xulgar a competición que se disputou a 150 pratos e non rexistrou ningunha incidencia,  foron os árbitros titulados: José Ricardo Rivera (Xubia), César Tosar González (A Estrada), Emilio Romero Castro (Noia), Manuel Pérez Fernández (Ames), Miosés Balboa Pereira (Nigrán), Rubén Martínez Bugallo (Ourense), José Moure Caneda (Santiago), Leonardo García Otero (Fene) e José Antonio García Blanco (Lugo) os que certificaron estas clasificacións:

Seniors

  • 1º e campión, Manuel Blanco Puertas
  • 2º e subcampión, Ángel Mosquera Cornide
  • 3º, Daniel Cebreiro García

Daniel Domínguez Treinta, foi o máis destacado da 2ª  categoría e José  Fernández Añón, en 3ª categoría.

Damas

A gañadora foi a ourensá,  Mº de las Mercedes Saavedra Suárez

Veteranos

  • 1º, Fernando Sánchez Mancebo
  • 2º, Mario González Yáñez
  • 3º, Jesús Seoane Sanda

Super-veteranos

  • 1º, José María González Rodríguez
  • 2º, Ángel Mosquera Rodríguez
  • 3º, Luís Salmerón Varela

Xuvenís

  • 1º, Alejandro Fernández Seco
  • 2º, Antón Moure Segade
  • 3º, Julio Fernández Pereira

Handisport

  • Campión, Artemio Formoso Barro (6º na xeral)

Comentar tamén que José Antonio Pena Fernández, foi o director do Campionato. Que a deportividade foi exquisita. Que a Directiva e colaboradores de “Río Sar” foron repetidamente felicitados polo bo facer organizativo. E que as breves oratorias pronunciadas polos presidentes antes da entrega de trofeos puxeron de manifesto o agradecemento aos participantes e resaltaron o compañeirismo vivido, xustificando Luís Sánchez Mancebo os trocos producidos a hora do xantar “para que o exercicio fose o máis rápido posible”.  Pola súa banda, Nogueira Diz, felicitou ao o Presidente anfitrión e o seu equipo polo bo facer organizativo. Pediu una vez máis a unidade do colectivo. E falou das próximas eleccións a Federación Galega de Caza non precisando se volverá a presentarse. “Neste momento non podo dicir nada, tanto pode ser que si,  como pode ser que non”, comentou. Por último dicir, que Lumavisión Galicia rodou unha ampla reportaxe da tirada que será emitida no súa propia canle e na páxina Web da Federación Galega de Caza.