FESTA DA CAZA DE TABOADA
A “II Festa da Caza” de Taboada repetiu éxito
11/03/2019

O pasado día 9 de marzo, baixo a organización da Sociedade venatoria locataria “Caxigueiras”  celebrouse na Vila lucense de Taboada a “II Xuntanza de Cazadores” a través dun xantar que cada ano colle máis auxe  o que supón todo un acerto dos gobernantes sociais a cuxo fronte figura Francisco Diéguez Sobrado, popularmente coñecido por “Paco”, incansable traballador e quen nos cursou a correspondente invitación para participar no xantar oficial.

Curiosamente, dita Festa, non ten nada que ver coa carne de especies cinexéticas cazadas o longo da temporada venatoria como se fai noutras moitas asociacións de cazadores galegas, senón coa seña de identidade gastronómica da poboación taboadesa, o delicioso “caldo de ósos” o que se acompañou cunha costela asada e uns postres caseiros, cunhas filloas con mel, orellas e queixo do país con marmelo, que saborearon con sumo pracer os asistentes.

No festexo gastronómico participaron arredores do centear de persoas, algunhas chegadas doutros puntos de Galicia, entre as que se atopaban, cazadores e cazadoras, federativos e directivos da sociedade organizadora co seu mandamais, Paco Diéguez, o fronte. Tampouco faltou a máxima autoridade de Taboada, Ramiro Moure, un alcalde aberto e moi cordial con todos que sempre está cos cazadores. Nin o Xefe de Servizo de Caza e Pesca de Lugo, Víctor García, ou os técnicos da Xunta deste mesmo estamento, Darío Andrade e Manuel Nodar. Tamén estivo o Presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Paco Couselo, quen, ao igual que tódolos que estivemos alí gozando desas viandas,  marchou encantado do trato recibido. 

Foi unha xornada moi agradable, chea de cordialidade, na que tamén se contaron moitas historias de capturas e lances venatorios para enmarcar. 

Tamén salientar que, atipicamente nestes casos, non houbo discursos, pero si un recoñecemento para as féminas a través dun recordo, por algo esta edición estaba dedicada a elas, e que o Presidente que leva ocupando a cadeira presidencial dende fai 38 anos, prometeu que esta  “Xuntanza de Cazadores” non corre ningún perigo e seguirá tendo continuidade.