AUTONÓMICO DE PERCORRIDOS DE CAZA
Daniel Cebreiro dominador dun Autonómico de Percorridos con récord de participación
22/07/2019

XXX Campionato Galego de Percorridos de Caza en Río Sar

A edición número XXX do Campionato Galego de Percorridos de Caza desputado en Río Sar o pasado 21 de xullo foi, novamente, un éxito en canto a nivel organizativo e deportividade dos tiradores.

Unha edición que bateu todos os rexistros de inscrición e acolleu aos preto de 100 tiradores que participaron neste campionato e que contou tamén con tiradores chegados de Castela e León e Asturias.

Baixo a organización da Federación Galega de Caza e a Sociedade Deportiva Río Sar, desputábase este Autonómico de Percorridos cun enorme traballo previo que deu como resultado unha fermosa tirada a 150 pratos con 3 liñas de tiro a duas voltas. Pratos moi técnicos que soupo afrontar o tirador Daniel Cebreiro García que, realizando unha tirada de menos a máis, chegaba aos derradeiros 25 pratos mantendo unha enorme puxa coas primeiras espadas do tiro autonómico galego: Ángel Mosquera, Antonio Iglesias, Martín Baqueiro e Manuel Blanco. Foron estes últimos 25 platos os que deron o título autonómico a Cebreiro García gracias ao pleno acadado polo tirador coruñés rematando con 133 pratos. 

Pero a emoción vivida neste campionato en Río Sar non remataba coñecendo o campión galego, xa que ainda quedaban dous intensos desempates. Por unha banda o resto do podio estaba por decidir despois dos 128 pratos acadados polos tiradores Martín Baqueiro Villafines, Antonio Iglesias Otero, Ángel Mosquera Cornide e Manuel Blanco Puertas. E na categoría de Senior enfrontábanse Fernando Sánchez Mancebo e Mario González Yáñez polo primeiro posto da clasificación e unha plaza para o Nacional de Percorridos. Foi Ángel Mosquera o que non deu opción aos seus rivais xa que foi quen de escachar os 25 pratos do desempate acadando a plata da Clasificación Xeral por diante de Antonio Iglesias Otero que obtivo o bronce. Fernando Sánchez Mancebo resultou gañador do desempate obtendo o primeiro posto na categoría de Senior por diante de Mario González Yáñez e  Gabino Villamor Vázquez que remataron en segunda e terceira posición respectivamente. Mención especial para Fernando Sánchez Mancebo que ao igual que ocorreu no Nacional de Compak volta a formar parte tamén da Selección Galega para o Nacional de Percorridos.

En Xuveniles o campión foi Julio Fernández Pereira con 103 pratos por diante do  xoven tirador Omar Insua Rodríguez que foi quen de escachar un total de 99 pratos, unha participación extrordinaria para estes xovenes tiradores que a bon seguro terán un futuro prometedor ao igual que Lucas Otero Álvarez que obtivo o bronce con 86 pratos.

En Veteranos o campión era Eliseo Faraldo Fernández con 102 pratos por diante de Ángel Vidal Conde e Antonio Castro Ferreiro respectivamente.

Artemio Formoso Barro en Tiro Adaptado, Ángel Mosquera Rodríguez en Máster e Mercedes Saavedra Suárez en Damas, foron os campións das diferentes categorías. O tirador pontevedrés José Antonio Vasconcellos Vicente recibiu unha placa da FGC por ser o Campión da Copa Galicia de Percorridos 2019.

A Selección Galega quedou formada por Daniel Cebreiro, Ángel Mosquera, Antonio Iglesias, Martín Baqueiro, Artemio Formoso e Fernando Mancebo.