VI COPA ESPAÑA DE COELLO
A Copa España de Coello foi para o lote de beagles propiedade de Manuel Aguión
04/08/2019

VI Copa España de Cans de Rastro sobre Coello 

Os terreos do Tecor de San Huberto de Valga, sito nos concellos pontevedreses de Valga e Pontecesures, foron testemuña da VI edición da Copa España de Cans de Rastro sobre Coello desputada no día de hoxe, 4 de agosto.

Baixo a organización da Real Federación Española de Caza e a Federación Galega de Caza e contando coa colaboración vital da Sociedade de Cazadores de San Huberto de Valga e o Clube de Amigos dos Cans de Caza desputábase esta sexta edición na que o cazador Manuel Aguión Tizón co seu lote de beagles de nomes “Nalón, Otilia, Petis e Pancho” obtiñan o título nacional.

Unha xornada na que a sequedade do terreo e as altas temperaturas marcaron de xeito considerable o bo facer dos 23 lotes de cans inscritos. Divididos en 6 campos, os participantes durante a hora de prestación foron quen, apesares das duras condicións climáticas, de rastrexar, levantar e perseguir numerosos coellos. Mostra delo e da boa densidade de caza presentes nos terreos foi os numeros avistamentos de coellos e o pleno de levantes por parte dos 23 lotes participantes.

Manuel Aguión Tizón cos seus 4 beagles realizou unha fermosa prestación que lle reportou un total de 535 puntos e o conseguinte título da Copa España de Cans de Rastro sobre Coello. O subcampionato era para Oscar Esparis Agra con 4 beagles de nomes “Hix, Rot, Gus e Dama” e 500 puntos. Con 482 puntos o bronce era para os leonados “Violeta, Kala, Nube e Vitamina” propiedade de Juan Casal Tato.

Mención especial como Mellor Can da proba para o beagle “Nalón” propiedade do Campión Manuel Aguión.

Deportividade, xantar de clausura e entrega de premios puxeron o punto e final a esta VI Copa de España de Coello que contou coa presencia de José Montoiro, Delegado Nacional de Cans de Rastro da RFEC; Francisco Couselo presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra; Daniel Benavides, Xefe Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Juan Manuel Vidal e José María Bello alcaldes de Pontecesures e Valga e Antonio Bouzón presidente da Sociedade de Cazadores de San Huberto de Valga.