GALEGO DE RASTRO DE COELLO
O muradán Alfonso Rey proclámase en Valga Campión Galego de Rastro de Coello
05/10/2019

Desenrolado de maneira perfecta e tendo de esceario un monte e densidade de coellos acorde coa importancia do torneo,  o pasado 5 de outubro, disputouse nos montes de Valga e máis concretamente no lugar de “Cima de Vila”, o XXIX Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello. Final na que competiron un total de 9 equipos e 36 cadelos, trascorrendo o exercicio entre as 9:00 da mañá e as 13:00 do mediodía nunha xornada na que a climatoloxía acompañou e a deportividade tamén. O lote vencedor foi o de Rey Baulde da Sociedade “San Xoán de Serres”. 

Unha competición que organizou a Federación Galega de Caza coa colaboura da Sociedade “San Huberto” de Valga. Que arbitraron os titulares: Alberto Martínez (Cambre), José Manuel Pallás (Cerceda) e Óscar Caamaño (Noia). Mentres a dirección e o peso organizativo correu a cargo do Secretario Xeral da FGC, José Moure Caneda, auxiliado por directivos do Tecor acolledor como Adonis Abal e Juan Pardal, entre outros.

Unha xornada de caza sen escopeta, na que os verdadeiros e únicos protagonistas son os cans e os coellos, puntuándose a compenetración do equipo canino, a búsqueda, o desencame e o seguimento da peza. Dispoñendo cada concursante dunha hora para amosar as condicións coelleiras dos cans.

CLASIFICACIÓN

  e campión o lote formado por “Xouba”, “Trus”, “Trasno” e “Clay” (510 puntos),  de Alfonso Rey Baulde, de Muros.

2º e subcampión, o lote integrado por “Pipa”, “ Pulga”, “Mía” e “Xesta”  (483 puntos), de Jaime López Castro, de Pontevedra.

3º, lote formada por “Racha”, “Xesta”, “Rato” e Fousa”, (480 puntos), tamén de Alfonso Rey Baulde.

O participante Carlos Casas Cambón foi o triunfador da Copa de Galicia da modalidade o acadar a máxima cualificación na suma de puntos do torneo.

Tocante o nivel da actividade, xuíces e participantes compartían a mesma opinión: nivel igualado e coellos dando moi pouco xogo debido ós numerosos tobos existentes no lugar. Pola súa parte o campión, que quedara segundo na pasada edición en Noia e ten por “costume” nestes 15 anos que leva competindo subirse o caixón dos gañadores,  amosouse “moi satisfeito” o acadar tamén o premio de Mellor Can da Proba co seu beagle de nome “Trus”.

Salientar tamén, que un xantar de confraternización e conseguinte imposición de medallas, entrega de placas e agasallos, serviu para baixar o pano final desta entretida especialidade venatoria. Comida a que asistiron diversas autoridades entre as que cabe salientar a presenza do Xefe de Servizo de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides Alonso. O alcalde de  Pontecesures, Juan Manuel Vidal. O Concelleiro de Deporte de Valga, Manuel Ferreiro. E o Presidente da Sociedade “San Huberto”, Antonio Bouzón Castroman que fora do discurso quixo facer un recoñecemento a labor da empresa TOUCEDA SC pola súa xestión cinexética, pois gracias a esta teñen excelentes resultados. A cerimonia foi coordinada polo Secretario da Federación Galega de Caza, José Moure, mentres a cabeceira da área de presidencia era ocupada polo Presidente da FGC en Pontevedra, Paco Couselo. Autoridades que se dirixiron en breves discursos aos cazadores, logo de felicitar os gañadores.