GALEGO DE COMPAK SPORTING
Iglesias Otero engade ao seu palmarés un novo título de Campión Galego de Compak Sporting
12/07/2021

XXI Campionato Galego de Compak Sporting

A engranaxe da Sociedade Deportiva e Campo de Tiro Río Sar púxose en marcha no día de onte, 11 de xullo, coa desputa do Autonómico de Compak. Foi a posta a punto da celebración, nestas mesmas instalacións, do Campionato de España – Gran Prix FITASC de Compak Sporting que se desputará en Galicia na derradeira fin de semana deste mes de xullo.

 

Baixo a organización da Federación Galega de Caza e a colaboración da Sociedade Deportiva Río Sar desputábase a edición XXI do Campionato Galego de Compak Sporting. Un campionato no que o tirador coruñés Antonio Iglesias Otero, ao igual que fixo no Autonómico de Percorridos, dominou de principio a fin a proba e coa regularidade que caracteriza a este brilante tirador situouse, unha vez máis, no máis alto da clasificación xeral.

A eliminación das escuadras e o novo sistema de tiro en línea foi o máis destacado deste Campionato Galego de Compak Sporting. Un novo sistema que se aplicará no vindeiro Nacional da especialidade e que os tiradores galegos acolleron de moi bo grado nesta proba autonómica, dando maior axilidade e intensidade á disciplina.

 

Cunha media de 23 pratos escachados por campo e un total de 138 o tirador Antonio Iglesias Otero suma un título galego máis a súa destacada traxectoria deportiva. Daniel Cebreiro García e Ángel Mosquera Cornide foron os tiradores que mantiveron o ritmo imposto por Iglesias Otero ata a chegada ao campo seis onde se marcaron as diferencias. Cebreiro García acadou o subcampionato cun total de 134 pratos escachados e Mosquera Cornide con 132 pratos recollía o bronce da clasificación xeral.

 

O lucense Juan Carlos Bande López era o campión da categoría Senior con 117 pratos. José Luis Sánchez Mancebo e e Ángel Ramón Vidal Quintela eran, con 115 pratos, o segundo e terceiro clasificado da categoría.

 

Ao abano de campións deste Autonómico sumábanse os seguintes tiradores: Artemio Formoso Barro en Tiro Adaptado, Antonio Castro Ferreiro en Veteranos, Omar Insua Rodríguez en Xuveniles e Ángel Mosquera Rodríguez en Másters.

 

Tanto o presidente da Sociedade Deportiva Río Sar, Luis Sánchez Mancebo, como o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, pecharon o acto de clausura agradecendo de anteman o traballo e esforzo a realizar por ambas entidades para a celebración dun brilante Campionato de España – Gran Prix Fitasc de Compak Sporting que se desputará do 30 de xullo ao 1 de agosto en Río Sar – A Coruña.

Este Campionato Galego contou coa colaboración de Solognac e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport.