COMUNICADO DA FGC DA CORUÑA
A FGC de A Coruña manten unha reunión coa Área de Promoción Económica da Deputación provincial
21/12/2021

O pasado venres 17 de decembro, directivos da FGC da Coruña mantiveron unha reunión co Deputado da Área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, José Blas Piñeiro, que estivo acompañado de persoal da citada área.

O motivo da xuntanza era a gran preocupación e o malestar das sociedades de caza da provincia pola resolución da citada Deputación no relativo as subvencións solicitadas polas sociedades de caza, e que foron desestimadas na súa totalidade. 

O Deputado comentou que entendían o malestar creado, pero que se debía a que as sociedades solicitantes non acadaban os mínimos necesarios para optar a estas axudas. Neste sentido admitiu que os criterios de baremación eran mellorables e que o terían en conta de cara a futuras convocatorias, comprometéndose a responder tódas as alegacions recibidas, pero que a resolución non se podía modificar xa que non tiña cabida legal. 

O punto positivo, e que dende a Área de Promoción Económica comprometéronse que, antes da próxima convocatoria, manterían unha xuntanza coa Federación Galega de Caza con fin de cambiar e axustar estes baremos, establecendo outro criterio máis acorde aos orzamentos mínimos que barallan as Sociedades, e estudiar a posibilidade de crear unha partida dirixida exclusivamente ás Sociedades de Cazadores. 

Polo tanto, todas as sociedades de caza da provincia quedan convidadas a enviar as súas suxerencias e achegas de cara a esta futura xuntanza para transmitilas na citada reunión.