A RFEC NA SEDE DA FGC
O presidente da RFEC achégase á sede da FGC
15/02/2022

No día de hoxe, 15 de febreiro, o presidente da Real Federación Española de Caza, Manuel Gallardo, desprazouse ata a sede central da Federación Galega de Caza para manter unha xuntanza de traballo coa xunta executiva da Federación Galega de Caza.

Dentro da rolda de contactos que está a manter o máximo dirixente federativo nacional coas diferentes federacións autonómicas, na maña de hoxe Manuel Gallardo era recibido nas instalacións federativas polo presidente da FGC, Javier Nogueira, o quen agradecía e destacaba a importancia deste encontro para afrontrar retos esenciais no futuro da actividade cinexética.

Foi a coordinación das diferentes accións dirixidas a acadar o éxito na Manifestación do 20 de marzo o eixo central do encontro no cal tamén asistiron os catro presidentes federativos provincias e os vicepresidentes, secretario e tesoureiro da FGC . Un traballo conxunto e coordinado entre a RFEC e a FGC dará como resultado a presencia máxima dos cazadores galegos o vindeiro 20 de marzo na manifestación en defensa da caza e o mundo rural. 

Manuel Gallardo valorou positivamente a boa xestión e traballo da Federación Galega de Caza ao mesmo tempo que destacaba os retos aos que se enfronta a FGC neste 2022 tanto no eido cinexético como no deportivo. No tocante á caza, Gallardo informou da complexa situación á que se enfronta a actividade cinexética polas correntes anticaza e animalistas que esta a poñer en serio perigo á caza tal e como a entendemos ata o día de hoxe. No tocante ao deportivo, o presidente da RFEC, presentou oficialmente a celebración do Campionato de Europa de Compak Sporting que se celebrará no vindeiro mes de xuño nas instalacións deportivas de Río Sar.