GALEGO DE CAZA MENOR CON CAN
Torres Parada coa setter “Enxa” revalidan o título na Terra Chá
30/10/2022

XXXV Campionato Galego de Caza Menor con Can e I Campionato Galego de Caza Menor Adaptado e Feminino

As malas condicións climáticas non impediron que o coruñés Jose Manuel Torres Parada con “Enxa” voltaran ao máis alto da clasificación no Autonómico de Caza Menor con Can desputado onte, 29 de outubro, no Tecor Terra Cha.

Artemio Formoso Barro con “Tuka” en Adaptados e Nuria Varela Painceiras con “Jota” na categoría Feminina completaron o alenco de campións deste Campionato Galego de Caza Menor con Can celebrado por terras lucenses.

Baixo a organización da Federación Galega de Caza e coa vital colaboración da Sociedade de Cazadores do Tecor Terra Chá desputouse esta fase final de caza menor con can que, sen dúbida, estivo marcado pola alta densidade de caza. Apesares de competirse baixo unha intensa choiva que acompañou a cazadores e xuíces durante as case 5 horas que durou a proba a cita estrela do calendario cinexético-deportivo da FGC non defraudou.

O actual campión, Jose Manuel Torres, era o primeiro en entrar en control coa percha dun pombo e o cupo de tres perdices marcado polo Tecor e a organización, reportándolle 1700 puntos. Capturas que á postre déronlle novamente e, por segundo ano consecutivo, o título de Campión Galego de Caza Menor. Un título que a bo seguro non foi posible sen a calidade e traballo da setter inglés “Enxa” que, en verbas do campión, foi a verdadeira protagonista.

Ás 13:08 minutos entraba en control o cazador chegado de Ourense, Iván Álvarez Pena, acompañado da setter “Suri”, que co cupo de 3 perdices e 1650 puntos o clasificaban como subcampión galego. O terceiro posto foi para o pontevedrés Javier Calvo Simois. Calvo Simois participou coa setter “Lola” e entregou no control 2 perdices e un pombo que lle outorgaron un total de 1250 puntos.

Estes tres primeiro clasificados máis o campión de Adaptados, Artemio Formoso, e a campiona feminina, Nuria Varela, representarán a Galicia no Campionato de España da especialidade.

Facer unha mención especial ao Tecor Terra Chá por ceder os seus terreos para a desputa deste Autonómico. Uns terreos con variada e abundante caza menor que fixeron que tódolos participantes avistasen caza e tivesen a posibilidade de realizar diferentes capturas, apesares de en vista dos resultados, a pólvora estivo algo mollada.

Rematada a competición tivo lugar o acto de clausura e entrega de premios. Jaime González e Oscar Meijide como Directores da Proba agradeceron o comportamento e deportividade dos participantes ao tempo que daban a palabra as autoridades. Interviron no acto de clausura Jose María Arias, Deputado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Belen María Docampo Piñeiro, Directora Xeral de Patrimonio Natural e Luis Eusebio Fidaldo como Vicepresidente Provincial da FGC de Lugo.

Este campionato galego contou coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Castro de Rei así como co patrocionio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport e Arion.