PROBA DE CEIBA TERRAS DO ORTEGAL
O lote de Antón Arrojo e Óscar Díaz campión da Proba de Ceiba sobre Xabaril Salvaxe Terras do Ortegal
29/05/2023

XIII Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe “Proba de Ceiba Terras do Ortegal”

O pasado 27 de maio, tiña lugar a XIII Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe “Proba de Ceiba Terras do Ortegal”, todo elo baixo a organización da Federación Galega de Caza na Coruña e coa colaboración das Sociedades de Cazadores de Ortegal, Mañón e Cedeira-Cerdido. 

Como ocorreu na derradeira edición, participaron un total de 24 equipos compostos por ata tres conductores e 6 cans, participando de xeito directo os lotes campións das tres derradeiras edicións. 

Os participantes contaron cun pequeno intervalo de tempo para facer unha comprobación de rastro previo a traela ou no seu caso o rexeitar ese rastro e empregar outro facilitado pola organización. Unha vez feita dita comprobación, tería lugar a solta dos cans no que estes dispoñían de 2 horas para facer o achegamento, levante e persecución do xabaril salvaxe. 

Un ano máis Ortigueira foi un referente para os monteiros do norte de España e grazas ao éxito organizativo e traballo dos rastrexadores, guías e xuíces, contabilizáronse numerosos avistamentos de xabaril que fixeron as ledicias do numeroso público que seguiu o discorrer desta proba. Novamente participaron monteiros chegados dende Navarra, Cataluña, Cantabria e Asturias, así como representantes das catro provincias galegas. Un nivel moi alto que se viu reflexado na realización dos desencames de xabaril por máis do 90% dos lotes participantes.

Foi o lote dos monteiros lucenses Antón Arrojo Reguera e Óscar Díaz Gómez os que obtiveron o primeiro posto con 798 puntos e convertéronse nos campións desta XIII edición, participando cos cans de nome “Bimba, Lola, Pinta, Sol, Kira e Moro”. Tamén o can “Sol” integrante do lote campión obtivo o premio ao Mellor Can da Proba. 

O coruñés Agustín Mosquera Taboada foi o lote subcampión despois de realizar a prestación cos seus gascóns “Odín, Lois, Paco, Sorda, Turca e Papi” e unha puntuación de 778 puntos.

O navarro, Andoni Saldias Larrayoz co seu lote de petits gascóns “Sol, Royal, Sua, Talis, Roya e Tequila” obtiña o bronce con 733 puntos.

Facemos mención a clasificación dos seguintes lotes:

4.- Alejandro Couso Rosario 

5.- Pablo Martínez Castrillón

6.- Felipe Martínez Moyano

7.- Javier Arizkuren Pola

8.- Martín García Noya

9.- Elisa Amado Parga

10.- Santiago Varela Fontao

Un xantar de irmandade puxo o punto e final a este evento na que moitos monteiros xa agardan a celebración da edición do 2024 da proba de Ceiba de Terras do Ortegal.

Esta proba contou coa colaboración da Deputación da Coruña e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia, Mutuasport e Arión.