PROVINCIAL PONTEVEDRA ARCO
Provincial pontevedrés de Arco
05/06/2023

XIV Campionato Provincial de Pontevedra de Percorridos de Caza con Arco 

O pasado 4 de xuño desputouse o Campionato Provincial de Pontevedra de Percorridos de Caza con Arco organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra e contando coa colaboración do Clube Cazarco.

Arqueiros e arqueiras déronse cita en Candán - Soutomaior para participar nesta XIV edición da fase provincial de Percorridos de Caza con Arco que congregou a 36 participantes, entre os que se presentaron arqueiros de Castela e León que se achegaron a Galicia para desfrutar desta disciplina deportiva. 

Na participación de dita proba provincial houbo amplo abano de idade dos arqueiros inscritos. Deportistas que se enfrontaron a un total de 7 propostas con figuras de caza 3D, algunhas destas figuras en movemento e sempre supervisados por xuíces titulados. 

Na modalidade de arco asistido homes o campión foi Jaime Villaverde seguido de Miguel Caruncho en segunda posición. José Caruncho situábase no terceiro posto da clasificación.

En arco tradicional homes o campión era Jacobo Santoro. O subcampionato recaía en Lee Ramsdale e o bronce en Frank Ramsdale.

En damas asistido a campiona era Dolores Bugarín seguida de Marina Olveira e Ángela Garriguez en segunda e terceira posición, respectivamente.

En cadetes o primeiro posto era para Iría Boullosa. Nerea Piñeiro e  Carlota Otero obtiveron o segundo e terceiro posto, respectivamente. En Junior a campiona era Claudia Vega.

Ao remate da entrega de premios, participantes, organizadores, familiares e amigos desfrutaron dun xantar de irmandade onde os comensales puideron desfrutar da gastronomía cinexética con pratos cociñados a base de corzos e xabariles cazados por integrantes do clube organizador.

Este campionato contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia e Mutuasport.