SANCIÓNS
Medio Rural publica un decreto que regula os órganos competentes e os procedementos para a imposición de sancións
22/1/2010

A Consellería do Medio Rural publica hoxe, 22 de xaneiro no DOG, o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.

Na actualidade o medio rural, ao abeiro da recente aprobación do Decreto 83/2009, do 21 de abril, que fixou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, abrangue materias tan diversas como son a agricultura e a gandería, o desenvolvemento rural, as industrias agrarias e forestais, os montes e a conservación da natureza.

Os factores determinantes da previsión competencial recollida neste decreto son tanto a necesidade de actualizar a regulación competencial nos procedementos sancionadores en materia de agricultura e gandería, como a de eliminar o baleiro competencial existente nos procedementos sancionadores nas materias de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos, do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da biodiversidade.

O obxecto deste decreto é: regular os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de agricultura, gandaría e conservación da natureza e establecer o procedemento sancionador aplicable en materias do medio rural.

Ver documento completo do Decreto