XUVIA
Luto na Sociedade de Caza e Pesca de Xuvia
15/2/2010

A Sociedade de Caza e Pesca de Xuvia, en voz do seu Presidente, ven de comunicarnos a pasada semana un triste suceso: o falecemento de José Felisario Fernández, un importante membro desta Sociedade que ao longo dos anos colaborou desinteresadamente polo ben da Sociedade e da caza en xeral.  Recuperador da caza ao rastro na comarca e importante competidor nesta modalidade a nivel autonómico e nacional.

Dende a Federación Galega de Caza transmitimos o noso máis sinceiro pésame a toda a familia, amigos e compañeiros de Felisario, ao tempo que reproducimos as liñas que o Presidente da Sociedade de Xuvia, Eloi Saavedra, nos fai chegar para o seu recordo:

Esta semana pasada ven de abandonarnos Felisario.
Para os que cazamos o xabarín nas comarcas do Norte de Galicia era un home sobradamente coñecido pola súa participación tanto nos ganchos como en concursos de rastro atraelado.
Tamén hai que recordar que este monteiro foi un dos artífices da recuperación dos cans atraelados nas comarcas do Norte.
Nos tempos que vivimos, será difícil que se volte a repetir un persoaxe coma Felisario, versado no mundo do rastro como mestre que era, e humilde coa discreción do que sabe moito e por iso mesmo se da de conta do que lle falta por coñecer.
E con esa mesma discreción deixounos para sempre esta mesma semana.
Cando escriba estas liñas Felisario estará a rastrexar noutros montes, onde os porcos non se moven cando te achegas ás metidas, onde as bouzas son sen fin e onde na bouza seguinte hai un porco mais grande que na anterior.
Mestre que saibas que non te esquecemos e que sempre que escoitemos un can latindo firme na trailla acordarémonos de ti por todo o que che debemos e compartimos contigo en tantas xornadas de caza.

Ata sempre amigo. Ata sempre mestre.

Eloi Saavedra Vidal/Presidente da Sociedade de Caza e Pesca Xuvia