RESERVA BIOSFERA
Galicia participou no encontro do Comité Español para a mellora das reservas da Biosfera de toda España
8/3/2010

Nesta xuntanza, celebrada hoxe en Madrid, abordáronse diversos temas para adecuar a xestión destes espazos protexidos. A nosa Comunidade estivo representada polo director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, asistiu esta mañá en Madrid á 7ª reunión do Comité Español del Programa del Hombre y la Biosfera (Mab). O Comité Español estudou a posibilidade de establecer un método para crear un produto turístico diferenciado pola súa ubicación nunha selección de territorios, a Rede de Reservas da Biosfera Españolas, onde sexa posible coñecer e gozar do patrimonio natural modelado polas actividades humanas a as singulares mostras de patrimonio etnográfico.

Na orde do día abordáronse diversos temas como a designación do representante das Universidades de Andalucía no Consello Científico, os informes do Consello Científico e o Consello de Xestores de Reservas da Biosfera, así como información da Dirección General de Desarrollo Sostenible del Medio Rural sobre o marco dos Convenios de colaboración para a realización de actuacións de apoio á coordinación e ao desenvolvemento sostible en reservas da biosfera.

PAMO 2009-2013
A revisión e adopción do Plan de Acción da Rede de Reservas de Biosfera Española (PAMO-2009-2013) tamén foi un tema comentado nesta reunión. O contido do Plan elaborouse na Reserva da Biosfera de Montseny, en maio de 2009, coa participación dos consellos asesores do Comité Español do Programa MaB e os membros do propio Comité MaB. As catro liñas principais do Plan de Acción de Montseny son a xestión adaptativa en reservas de biosfera, comunicación, ciencia e desenvolvemento de capacidades e a cooperación e asociacións.

Reservas da Biosfera
A Rede de Reservas de Biosfera Españolas está integrada por corenta espazos, distribuídos en 15 comunidades autónomas. Na Comunidade Autónoma de Galicia está a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Este territorio está integrado por sete municipios da provincia de Lugo (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e foi declarada pola Unesco Reserva da Biosfera en setembro de 2008.

Fonte: Consellería do Medio Rural