CONVENIOS
A Secretaría Xeral para o Deporte asina os convenios de colaboración coas federacións galegas
18/3/2010

O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, asinou a pasada mañá os convenios de colaboración de 2010 cos presidentes de 51 das 59 federacións deportivas de Galicia, que recibirán un total de 5.081.955,17 euros para desenvolver os seus programas de actividades. O máximo responsable do organismo da Xunta adicado ao Deporte, José Ramón Lete Lasa, ratifica así o seu compromiso de achegar a estas entidades a aportación económica do Goberno galego antes de que quede pechado o primeiro trimestre do ano, facilitándolles así o cumprimento das súas funcións.

Responsables de máis de 50 federacións asistiron á convocatoria da firma dos convenios para rubricar a recepción das axudas, fundamentais para manter o aumento da práctica federativa que se rexistra en Galicia dende os últimos anos. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entende que é unha obriga da Xunta de Galicia traballar cóbado a cóbado coas federacións para promover hábitos de vida saudables a través da actividade física regulamentada. Desta premisa naceu, este mesmo ano, un novo programa de colaboración coas federacións que veu a desglobalizar unhas achegas para particularizalas, adaptándoas ás necesidades e cometidos de cada destas entidades.

Estas modificacións perseguen, ademais, acadar un maior nivel organizativo para contrarrestar as dificultades do panorama económico actual, que levou á Xunta de Galicia a impulsar políticas de austeridade e a combinalas cunha programación que permita que a actividade das federacións continúe con absoluta normalidade.

José Ramón Lete Lasa é consciente da labor fundamental que cumpren as federacións na promoción do deporte. Entende que a actividade física é imprescindible para fomentar hábitos saudables entre os estudantes. As entidades coas que hoxe asinou o convenio asumen unha grande responsabilidade ao fomentar a tecnificación, o deporte feminino e a integración de persoas con discapacidade. Todos estes cometidos quedan reflectidos nos convenios do ano 2010, nos que a Secretaría Xeral para o Deporte deposita grandes esperanzas para consolidar a actividade física como un piar fundamental da sociedade actual.

Nesa liña, cómpre lembrar que algunhas das funcións das federacións son a colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e coas federacións estatais, contar con programas de promoción xeral e normativa técnica e organizar e dirixir competicións oficiais que se desenvolve na comunidade autónoma. Tamén asumen, entre outras tarefas, a expedición de licenzas deportivas e a elaboración de listas de deportistas de alto nivel da man da Secretaría Seral para o Deporte.

Fonte: Xunta de Galicia