RESERVAS BIOSFERA
A Xunta traballa co Goberno Central para a mellora de varias reservas da biosfera galegas
8/4/2010

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, reuniuse a mañá do mércores dia 7 co director general de Desarrollo Sostenible del Medio Rural do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Jesús Casas.

Un dos temas tratados foi a proposta do Convenio para as Reservas da Biosfera Xurés-Gêrés e Río Eo, Oscos e Terras de Burón. No caso da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gêrés, os obxectivos marcados céntranse na identificación de actuacións de promoción e divulgación da reserva, de capacitación á poboación local e público especializados; así como medidas de conservación e de fomento do desenvolvemento sostible da Reserva.

En canto á Reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a Consellería do Medio Rural plantexou unha serie de actuacións encamiñadas á mellora do estado de conservación de recursos naturais ameazados, xunto con accións de comunicación e difusión da Reserva, entre outros.

Convenio Camiños Naturais

Nesta xuntanza tamén se analizou o estado de execución e previsión da Comisión de Seguimento do Convenio Camiños Naturais, firmado no ano 2007 entre o Ministerio e a Xunta de Galicia. Como resultado, ampliouse o prazo de execución destas obras, que remataba no 2010 e que pasa a finalizar no 2011. Sobre este Convenio, ambos directivos estudaron posibles modificacións nalgunhas actuacións e o reaxuste de anualidades.

Fonte: Consellería do Medio Rural