DANOS XABARIL
Convocadas as axudas para paliar os danos producidos polo xabaril
19/4/2010

A Consellería de Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde do 12 de abril 2010 , pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril e se convocan para o ano 2010.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas de carácter compensatorio a favor dos afectados polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas desde o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010.

Os titulares dos cultivos afectados deberán dar coñecemento á Consellería do Medio Rural, nun prazo máximo de sete días, desde a produción do dano, ben mediante unha chamada desde as 8.00 ás 20.00 horas de luns a venres e das 8.00 ás 17.00 horas os sábados ao teléfono 012, ou ben mediante o servizo de denuncia pola Internet de danos do xabaril en cultivos, que se pode atopar na páxina web https://www.xunta.es:444/caza/. O usuario deberá identificarse previamente a través do seu CIF/NIF, pasando a cubrir entón o correspondente formulario de denuncia. O proceso finalizará facilitando unha clave que servirá para acreditar a formulación da denuncia e identificala univocamente. O sistema unicamente permitirá emitir unha denuncia por CIF/NIF e día.

O importe das axudas calcularase segundo a valoración dos cultivos que se establece no anexo I desta orde. Establécese como importe máximo o de 1.500 € por ano e beneficiario para as axudas a que se refire esta orde. No caso de que os danos excedan 1.500 €, o agricultor terá dereito á axuda máxima, é dicir, 1.500 €.

Ver documento completo desta orde