PROTECCIÓN ANIMAIS
Medio Rural convoca as axudas para o fomento das actividades das asociacións protectoras de animais
20/4/2010

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento de actuacións destinadas á protección e benestar dos animais domésticos realizadas por asociacións protectoras de animais, e se procede á súa convocatoria para 2010.

Esta norma ten por obxecto establecer unha liña de axudas destinada a garantir o correcto mantemento sanitario e nutricional dos animais de compañía abandonados e recollidos por estas asociacións sen ánimo de lucro. Enténdese por animais de compañía os pertencentes ás especies canina e felina. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación desta Orde no DOG.

Beneficiarios

Poderanse acoller a estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural con anterioridade á data de publicación desta orde.

Estas asociacións deberán ter como actividade principal a recollida e aloxamento de animais abandonados nun centro ou albergue para tal fin, desenvolvida de xeito continuado desde, polo menos, o 1 de xaneiro deste ano.

Gastos subvencionables

Entre os gastos subvencionables figuran os relativos á atención sanitaria e mantemento nutricional dos animais, tales como a compra de medicamentos de uso veterinario, remuneración polos servizos de facultativos veterinarios prestados a estes animais ou a compra de alimentos específicos para cans e gatos. O importe máximo de cada axuda será de 60.000 euros.

Fonte: Consellería do Medio Rural