EMBARQUE ARMAS
A Garda Civil recorda a obriga de abonar taxas para o embarque de armas
1/4/2011

A Dirección Xeral da Policía e a Garda Civil veñen de solicitar á Real Federación Española de Caza, por medio da Federación Madrileña de Caza, que recorden aos seus federados, sociedades e, en xeral a todo o mundo da caza, a obriga de abonar unhas taxas para o embarco de armas en avión.

A Garda Civil sinalou que “é obriga do interesado coñecer a esixencia de abono previo da taxa”, que debe ser ingresada nunha entidade bancaria con anterioridade ao embarque na oficina de intervención de armas do aeroporto.

Este anuncio ven causado, segundo a autoridade policial, pola frecuencia con que moitos cazadores se presentan nos aeroportos sen coñecer a existencia desta obriga, sen tempo para realizar os trámites necesarios e polo tanto sen poder embarcar coas súas armas ante a imposibilidade por parte da Garda Civil de dar a autorización pertinente.

O importe destas taxas neste ano 2011 é de 3,61€ para a autorización de embarque de armas e de 10,79€ para a entrada de persoas residentes fora de España.