SILVESTRISMO
Abundante participación no Provincial de A Coruña disputado en Narón
20/4/2011

Disputouse nas categorías de Pardillo Adulto e Novel, Xílgaro Adulto e Novel,  Verderón e Mixtos de Pardillo e, Xílgaro

O campo de fútbol “Río Seco” de Narón foi o escenario seleccionado para acoller o pasado sábado, 17 de abril, do Campionato Provincial de Silvestrismo de A Coruña, que organizaba a Federación Galega de Caza na Coruña en colaboración coa Sociedade Deportiva “A Faísca”.

Un ano máis amosábase a crecente afección a esta modalidade, que contaba cunha excelente participación en tódalas categorías nas que se disputaba a proba.

Na categoría de pardillo novel, o gañador da proba era Camilo Taboada Piñeiro, que acadaba 28 puntos, mentres que no segundo posto remataba Miguel Ángel Ares Ares, con 24 puntos. Arturo Porta Taibo era o terceiro clasificado ao acadar 22 puntos.

Na categoría de pardillo adulto vencía Arturo Porta Taibo cun total de 35 puntos, 10 puntos por diante do segundo clasificado, Serafín Corral Vázquez, quen con outro dos seus paxaros acadaba tamén o terceiro posto con 15 puntos.

En xílgaro novel o gañador, con 48 puntos, era Ricardo Díaz Fernández mentres que o segundo e o terceiro posto eran para Juan José Luis Pita García, que acadaba respectivamente 37 e 34 puntos con dous dos seus paxaros cantores.

O gañador na categoría de xílgaro adulto era para Alejandro Freire Sánchez, que acadaba 55 puntos. Alfredo J. Vidal Fernández era o segundo clasificado con 30 puntos, mentres que Juan José Luis Pita García remataba no terceiro posto con 28 puntos.

Na categoría de mixto de xílgaro vencía Miguel Ángel Ares Ares cun total de 96 puntos, superando a José Iván Aneiros Fernández que remataba segundo con 75 puntos. A tan só un punto, o terceiro posto da proba era para José M. Rodríguez Costas, participante da provincia de Pontevedra. O terceiro clasificado provincial era pois Juan Pico Pico, con 66 puntos.

Miguel Ángel Ares Ares gañaba tamén na categoría de mixto de pardillo, con dous paxaros que remataban empatados no primeiro posto con 31 puntos. O terceiro posto era para Francisco Javier Porta Yáñez, con 20 puntos.

Finalmente, a categoría de verderón tiña como gañador a Juan Manuel Souto Rico, que gañaba a pesares do empate a 30 puntos con Pedro Fernández Jiménez, quen tamén remataba no terceiro posto con outro dos seus paxaros, que acadaba 28 puntos.