XORNADA CINEXÉTICA
Éxito da I Xornada de Caza e Natureza de Pol
19/5/2011
O pasado sábado 14 de maio tiña lugar en Mosteiro, no concello lucense de Pol, a I Xornada de Caza e Natureza organizada por dito concello en colaboración coa Federación Galega de Caza en Lugo.

Nunha carpa situada na praza da Carballeira, no núcleo urbán de Pol, xuntáronse preto de 200 persoas entre cazadores, directivos de sociedades de caza e autoridades para asistir a esta primeira edición que se centrou nunha das raíñas das especies cinexéticas de Galicia, o xabaril.

A xornada deu comezo as 21:00 horas coa poñencia de Juan Carlos del Campo, Biólogo e Xefe do Servizo de Vida Silvestre do Principado de Asturias que durante unha hora puxo en coñecemento os asistentes as particularidades da xestión e caza do xabaril en Asturias así como diferentes puntos de interese da Lei de Caza do Principado de Asturias.

A segunda poñencia correu a cargo de Eliseo López Díaz, veterinario e prestixioso monteiro bicampeón de España. Unha charla que versou nas diferentes particularidades do rastro do xabaril así como o emprego e adestramento dos cans para a caza do suído froito da experiencia persoal como Director Técnico do Grupo de Monteros El Molín.

A xornada rematou cunha mesa redonda moderada polo cazador e ex–presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón. Unha mesa na que os asistentes tiveron a ocasión de expoñer as súas inquedanzas os poñentes.

Unha degustación de produtos galegos puxo o colofón desta primeira Xornada de Caza e Natureza.