GRAN GALA CAZA RFEC
A RFEC celebra o seu día grande con protagonismo galego
26/5/2011

O círculo de Bellas Artes de Madrid acollía o pasado 21 de maio o evento máis importante que celebra a Real Federación Española de Caza

A xornada comezaba ás 11 da mañá coa Asemblea Xeral na que se procedeu, entre outras cuestións, á presentación e aprobación do balance e as contas do 2010, así como dos presupostos do 2011 e a reformar os Estatutos da RFEC a solicitude do Consejo Superior de Deportes.

Rematada a Asemblea, comezaba a Gran Gala onde, antes do xantar, se fixo entrega dos premios deportivos, onde varios deportistas galegos recibiron galardóns: Ana Isabel Arbiol Ledesma, Campiona de España de San Huberto co seu Setter Inglés “Braton de Llusiana”; Víctor Villar Fernández, Campión do Mundo de San Huberto Springels con “Jupiter”; María Luísa Rodríguez, Campiona de España Damas Tradicional Recorridos de Caza con Arco; Artemio Formoso Barro, Campión do Mundo de Compak Sporting na categoría Handisport; e o equipo de Coto Dobarro Z, Campión da Copa de España de Caza de Raposo.

Tras o xantar, e ao remate das sobremesas, procedeuse á entrega do resto de galardóns, onde tamén houbo importante presenza galega: José María Gómez Cortón, exPresidente da Federación Galega de Caza, recibía a Insignia de Ouro en recoñecemento á súa traxectoria adicada á caza e aos cazadores galegos ao fronte da FGC; por outra banda, o xornalista galego Luís Macías Estevez recollía o premio á mellor labor periodística especializada en caza, pola sua ampla traxectoria profesional, especialmente en Galicia.

Ademáis dos premiados, acudiron ao evento representantes da Federación Galega de Caza, encabezados polo seu Presidente, Javier Nogueira, quen estivo acompañado nesta ocasión de José Luís Leites, Presidente da FGC en Ourense e de Francisco Couselo, representante da FGC en Pontevedra.

O máximo galardón federativo nacional, o Premio Carlos III, foi este ano outorgado a Francisco Mena, director do centro de experimentación animal de Hosquillo, que ten realizado proxectos de creación de parques nacionais e reservas, cazador e defensor da conservación do medio.

A gala despediuse cun recordo especial a diversas personalidades da caza que faleceron no pasado ano federativo, como o Presidente da Federación Asturiana, Jesús Suárez Benito, ou Fernando Moreno de Borbón.