RASTRO XABARIL OURENSE
Quintela García con “Sildos” é o novo campión provincial
27/6/2011

Salvador Sestelo con “Clai” foi o gañador do campionato

Baixo unhas temperaturas que roldaron os 40º C disputouse, en Nogueira de Ramuín, o Campionato Provincial de Ourense de Cans de Rastro Atrelados modalidade xabaril organizado pola Federación Galega de Caza en Ourense coa colaboración da Sociedade de Cazadores Nogueira de Ramuín.

O campionato acudiron un total de 11 monteiros cos seus respectivos cans que foron xulgados por Manuel Vázquez Mosquera e José Montoiro González, sendo o xurado de competición o composto polo director da proba, José Luis Leites González e Alberto Rodríguez Losada.

Cun terreo sen humidade e o mercurio polas nubes discorreu a fase clasificatoria e final deste campionato que puxo en verdadeiros apertos a cans e monteiro para realizar unha meritoria presentación. Foi o pontevedrés Salvador Sestelo Núñez con “Clai” o que mellor se desenvolveu baixo estas condicións o proclamarse campión con 238,5 puntos. No segundo e terceiro posto situouse Álvaro Fontenla Filgueira con “Ludo” e “Terco” respectivamente.

O sabuxo “Brus” de José Manuel Rivadas quedouse as portas do podio cunha cuarta posición o obter 187,5 puntos. Francisco Javier Rodeiro Eiras con “Sil” situouse na quinta posición con 185,5 puntos. E ata a sexta posición tivemos que acceder para coñecer o novo Campión Provincial de Ourense da modalidade que nesta edición recaeu en José Quintela García co mestizo de nome “Sildos”  e 179 puntos.

José Quintela, Generoso Aragunde, Alejandro Couso, Javier Carballo e Ismael Carballo conforman o equipo de monteiros que representará a provincia de Ourense no vindeiro Campionato Galego de Rastro de Xabaril con Cans Atrelados.