RASTRO DE XABARIL
O galego Francisco Rodeiro Eiras, co can “Sil”, medalla de bronce no Campionato de España
4/8/2011

O campión de España  foi Iván González Suárez, de Asturias,  con “Cho”

O pasado sábado día 30 de xullo disputábase na localidade asturiana de Navia, a XIX edición do Campionato de España de Cans de Rastro Atraelados na modalidade Xabaril.

A RFEC en colaboración coa Federación Asturiana de caza foi a encargada de organiza-lo evento, que cumpriu con creces as expectativas creadas. Tamén cabe destaca-la colaboración desinteresada das Sociedades de Caza de Illano e Navia, así como dos efectivos de Protección Civil.

Acudían á cita os 30 representantes de 7 Federacións Autonómicas, previamente clasificados nas súas autonomías, onde lles agardaba o defensor do título do ano 2010, o asturiano Casimiro González.

A tarde do venres os participantes eran recibidos en terras asturianas cunha exhibición de cans de rastro, acto seguido tiña lugar a cea de benvida que estaba encabezada polo presidente da RFEC, Andrés Gutiérrez Lara, acompañado do Viceconselleiro de Recursos Autóctonos do Goberno Asturiano, Luis Pelaez Rodríguez; do Delegado Nacional de Rastro e presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz; do presidente da Federación Navarra de Caza, José Angel Remírez Arana; e do xerente de Mutuasport, Jaime Gutiérrez Amo, entroutras autoridades.

Tralo sorteo inicial de dorsais, os participantes dividíronse en dous campos para desenrolar a fase previa,  da que accederían á gran final os 6 mellores clasificados en cada campo para disputa-lo título de Campión de España. Nos arredores de Illano, desfrutando dunhas envexables paraxes naturais, disputaron dous campos totalmente homoxéneos e perfectos para a práctica desta actividade deportiva, durante un moi bo día climatolóxicamente falando que axudou a que o numeroso público que asistiu a presenciar tanto a fase previa como a final deste XIX Campionato de España de Rastro de Xabaril desfrutase do espectáculo.

A final, nun terreo duro, igual para tódolos participantes, foi moi disputada, con grandes actuacións, onde tanto cans como os monteiros amosaron as súas habilidades para segui-lo rastro deixado horas atrás polo manso suido. Xulgaron a proba os  árbitros Santos, Herminio e Cartea dos colexios de Cantabria, Asturias e Galicia, respectivamente.

Salienta-la excelente actuación do equipo galego xa que este foi quen de meter a un total de 5 monteiros na fase Final –Rodeiro, Arnoso, Otero, Ramos e Picón- dos que tres clasificábanse entre os cinco mellores da xeral, acadando un terceiro posto da man de Francisco Rodeiro Eiras co seu can “Sil” (225,33 ptos); mentres que Carlos Alberto Arnoso  con “Chino” (216,67 ptos), e José Otero Alonso con “Tom” (208,33 ptos) quedaban cuarto e quinto, respectivamente.

O título de campión de España recaía novamente nun asturiano, nesta ocasión era para Iván González Suárez co seu can “Cho” e un total de 249,67 puntos; seguido do seu compañeiro e campión da pasada edición,  Casimiro González Alonso con “Jasp” e 231 puntos.