SAN HUBERTO
Ramón Picallo e Sita González campións galegos na modalidade San Huberto e Victor Villar en Levantadores
18/8/2011

XXIV Campionato Galego de Caza San Huberto

O pasado domingo día 14, desputouse no Tecor “Eixil” de Cedeira (A Coruña) o XXIV Campionato Galego de Caza San Huberto. Ata 21 deportistas chegados dos seus respectivos Campionatos Provinciais, máis 5 clasificados da Copa Galicia e o campión da anterior edición, desputaron este campionato organizado pola Federación Galega de Caza en colaboración coa Sociedade de Cazadores de Cedeira.

Dito campionato estivo acompañado por unha climatoloxía adversa, con moito vento, choiva e frio que puxo a proba a cans e participantes que se dividiron en tres baterías de 9 concursantes cada unha, e xuzgadas por Marcial Ramil Hermida, Pedro Varela Abeledo e David Romero Albores.

Transcorridas as fases clasificatorias, os xuíces decidiron os dous concursantes de cada batería que pasarían ao barrage final, na batería A: Eliseo Faraldo Fernández e Juan C. Arteche Castillo, pola batería B: Jaime Aneiros Leira e Ramón Picallo Piñón e pola batería C: Jose Ramón Zamora e Álvaro Suárez Mera.

Unha vez desputado o intenso barrage final, os xuíces outorgaron o primeiro posto e polo tanto Campión Galego a Ramón Picallo Piñón, segundo, e tamén ferrolano, Eliseo Faraldo Fernández e xa na terceira posición ao lucense Juan C. Arteche Castillo. Estes tres primeiros clasificados xunto co cuarto, José Ramón Zamora, representarán a Galicia no Campionato de España, os días 17 e 18 de setembro en Alfaro (La Rioja).

Ao mesmo tempo, celebrábase nun campo limítrofe e xuzgado por Esteban Cambón Bertoa, o Campionato Femenino da modalidade; e a ferrolana Sita González Carrodeguas, que defendía o título, acompañada polo setter inglés “Jef de Caaveiro”, realizou un perfecto percorrido que a converteu na Campiona Galega e firme candidata a traer para Galicia o próximo Campionato de España  de Damas. Na segunda posición clasificouse Sandra Rodríguez Rego. 

Na Modalidade de Levantadores participaron 5 concursantes entre eles o actual Campión do Mundo desta modalidad: Victor Villar Fernández acompañado polo  Spaniel “Júpiter de Estrellas de Tebra”. Este binomio respondeu as expectativas postas e alzouse co Campionato Galego da especialidade.