CAZA MAIOR
Organízase a primeira montería feminina de Galicia
19/10/2011

Preto de vinte mulleres monteiras reuníanse o pasado sábado na localidade ourensá de Cea, arredor da nova iniciativa da Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Caza.

A montería organizouse co fin de por en contacto ao colectivo que garante o futuro da caza social en Galicia, as mulleres.

A mañá amañecía fresca, aínda que antes do medio día xa se acadaran os 36ºC, que xa ven sendo costume durante este mes de outubro na provincia de Ourense. Esta fermosa iniciativa, que “ameaza” con asentarse de xeito anual, levouse a cabo en terreos da asociación “Monteros Galaicos”.

Compartiron caza mulleres asturianas e galegas, cunha percha final de tres xabariles e tres corzos. Constitúen estas pezas un magnífico botín se temos en conta os calores excesivos e sequidade do terreo que raiaba o desértico. Aquí destacou a magnífica canceira galega, Ana de Nonito, quen non perdeu ocasión para rematar un bo porco bravo.

Rematou o monteo con xerras de cervexa xeadas e unha suculenta parrillada, trala cal, organizadores e participantes voltaron ás súas casas á espera dunha nova edición desta festa de “fillas de Diana”.