ZONAS QUEIMADAS
Medio Rural lembra que a normativa en vigor prohibe xa expresamente a caza en terreos afectados polo lume forestal
31/10/2011

Así o establecen tanto a lexislación sobre caza como a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais na nosa Comunidade. Con esta prohibición búscase –ademais de evitar que a caza poida dificultar a recuperación dos solos queimados– que se provoquen incendios con intención de facilitar a actividade cinexética eliminando biomasa de xeito ilegal co lume

A normativa vixente (tanto a lexislación sobre caza como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) prohibe expresamente a actividade cinexética nos terreos afectados polos incendios forestais.

No que atinxe en particular a Lei de prevención de incendios, o seu artigo 44 (sobre limitacións á actividade cinexética) establece o seguinte: “Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período de tres anos desde a data do lume, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellería competente en materia forestal. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética”.

Esta prohibición recóllese tamén, en idénticos termos, no Decreto105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais.

Con esta normativa búscase –ademais de evitar que a caza poida dificultar a recuperación dos solos queimados– que se provoquen incendios con intención de facilitar a actividade cinexética eliminando biomasa co uso do lume de xeito ilegal. Tamén, por este mesmo motivo, na lexislación vixente non se fai referencia explícita aos terreos que lindan con aqueles afectados polos incendios. Considérase que estender a eles a prohibición da caza podería ser mesmo contraproducente, xa que poden pertencer a tecores diferentes e habería que definir ata onde chegaría dita limitación, freando así a eficacia práctica da medida.

Non se pode prohibir o que está prohibido
Xa que logo, en relación con esta materia, e con informacións que falan da necesaria “suspensión da tempada de caza nas zonas queimadas”, Medio Rural quere puntualizar que non se pode prohibir algo que xa está prohibido. Neste tema o que si se ven facendo, por parte da Consellería, é reforzar a vixilancia para evitar que se incumpra a normativa e se cace nestes terreos. Cómpre puntualizar, iso si, que os cazadores coñecen perfectamente esta prohibición e que a inmensa maioría deles a respectan, como se tira das escasas denuncias e sancións impostas por este motivo nos últimos anos.

Fonte: Consellería do Medio Rural