Revista de Prensa


O presidente da Federación Galega de Caza está indignado logo de que dende algún medio se apuntara a este colectivo como un dos presuntos responsables do lume de Oia // En Radio Obradoiro, Javier Nogueira lembrou que “durante tres anos non se pode realizar ningunha actividade cinexética nas zonas queimadas”
Radio Obradoiro · 30/8/2013

A Federación Galega de Caza está máis que indignada co feito de que dende algúns medios de comunicación apuntaran ó colectivo de cazadores como presuntos responsables do incendio de Oia (Pontevedra). O seu presidente cualificaba en Radio Obradoiro esas acusacións de “gratuitas”. Segundo Javier Nogueira, o dos cazadores “é un dos colectivos más perxudicados polo destrozo de ecosistemas de gran valor como Oia, Tomiño ou O Rosal”. Lembraba ademais que “durante tres anos non se pode realizar ningunha actividade cinexética nas zonas queimadas”. Na súa opinión, prederlle lume ó monte “sería tirar pedras contra o noso propio tellado”.

Para Nogueira, “a mellor defensa que se pode facer contra o lume é que non se produza”. Sostén que “a sociedade ten que dar a batalla diante dunha lacra coma esta”. Ofreceu o coñecemento dos cazadores ás cuadrillas, á hora de asesoralas, e pediu “que calquera cazador que atisbe un posible incendio, o comunique de xeito inmediato”.

Para o presidente da Federación Galega de Caza, “nunca é suficiente o que se destina a prevención”. Reiterou que “o máis importante é a concienciación social, xa que se alguén lle quere dar ó mechero é moi difícil de controlar”. Nogueira fala de “terrorismo ecolóxico” e pensa que a solución pasaría “ordenar o monte e poñelo en valor”. Defende que “a administración poña recursos para que non haxa tentacións”.