Revista de Prensa


O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, afirmou hoxe en relación coa idade mínima fixada na nova lei para acceder á licenza de caza, de 16 anos, é a mesma que aplican a "maior parte" de comunidades autónomas, polo que ao seu xuízo non é un problema.
· 29/10/2013

De feito, subliñou que algunhas autonomías incluso permiten o acceso "a idades máis temperás", aínda que non sexa "para utilizar armas de fogo", e apuntou: "É unha cousa común, non creo que sexa un problema de idade".

Juárez fixo estas declaracións en Lugo, logo de participar nun acto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na sede da Subdelegación do Goberno acerca da morte dun mozo de 17 anos o pasado fin de semana nunha batida de caza en Lugo.

Cualificou este suceso dun "desgraciado accidente" e afirmou que este tipo de sinistros "prodúcense de cando en vez", pero aínda que sexa "moi lamentable, son accidentes". "Efectivamente, foi un accidente. Obviamente, se se confirma que foi unha bala rebotada, un accidente moi desgraciado. Quero aproveitar para enviar as miñas condolencias á familia", engadiu Juárez.

Ao seu xuízo, foi "moi desgraciado polas circunstancias e pola idade deste mozo", pero recordou que "accidentes prodúcense de cando en vez" e que "este fin de semana foi tráxico no conxunto de España, porque houbo varios accidentes de caza". "É moi lamentable, pero son accidentes", concluíu.