Revista de Prensa


· 30/10/2014

Un mozo de 19 anos permanece ingresado no hospital de Lugo por un disparo que recibiu cando participaba nunha cacería. 

Aínda que nun primeiro momento o seu estado chegou a ser grave, evoluciona favorablemente e xa saíu da Unidade de Coidados Intensivos.

O mozo, natural da Pastoriza, participaba xunto con outros cazadores nunha cacería de raposo nun dos terreos do Tecor da Terra Chá. Segundo fontes da sociedade cinexética, durante a batida, por un descoido, un dos cazadores disparou a súa escopeta e alcanzou o rapaz. O mozo recibiu máis de trinta perdigóns que lle causaron feridas de consideración polas que tivo que ser trasladado ao hospital.

Nun primeiro momento, o seu estado chegou a ser grave e tivo que ser ingresado na unidade de coidados intesivos do hospital Lucus Augusti de Lugo. Arestora evoluciona favorablemente e xa foi trasladado a planta.

Na parroquia onde reside o mozo coa súa familia, os veciños din que é un grande afeccionado á caza e participa habitualmente nestas xornadas de caza. 

Dende o Tecor da Terra Chá lamentan o acontencido e din que se tratou dun accidente fortuíto.