Revista de Prensa


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que o texto que vén de aprobar o Consello da Xunta, ten un triplo obxectivo, ao que se suma potenciar a adopción dos animais abandonados

· 3/4/2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que Galicia será unha comunidade libre de abandonos e de loita contra os malos tratos, físicos e psíquicos, aos animais. Así llo trasladou esta mañá á presidenta do Partido Animalista (Pacma), Silvia Barquera, durante unha reunión na que lle informou dos avances dados pola Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, aprobada a semana pasada polo Consello da Xunta.

Destacou que a lei nace cun triplo obxectivo, ademais de ser un territorio libre de abandonos e de loitar contra o maltrato animal, súmase o fomento da adopcións dos animais abandonados, e engadiu que con esta nova normativa -que agora iniciará o seu trámite parlamentario- dáse resposta a unha necesidade da Comunidade, como contar cun novo marco normativo para concienciar aos galegos ante os problemas do maltrato, en calquera das súas manifestacións, e do abandono animal.

Así, definíronse dúas medidas para paliar o seu abandono, como a promoción da adopción dos animais abandonados nos centros de recollida e a restrición da súa eutanasia unicamente aos supostos de doenza grave e irremediable do animal; e a obriga clara e específica da identificación mediante microchip para todos os animais da especie canina.

A conselleira tamén argumentou que facer fincapé na tenza responsable é a mellor ferramenta para prever o abandono e o maltrato animal, polo que se divulgará o seu contido entre os escolares e a cidadanía, en xeral; se velará pola inclusión de contidos relacionados coa protección animal nos programas educativos, e se promoverá a realización de campañas de formación destinadas ás persoas propietarias e posuidoras de animais.

Adiantou que unha das novidades que recolle a lei é que por primeira vez regula diversas figuras desenvolvidas nas últimas décadas polos cidadáns como os fogares de acollida, para facilitar a adopción dos animais abandonados e mellorar o seu benestar, por aquelas persoas que garantan o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise. Este acollemento estará condicionado á devolución inmediata do animal se aparecese un adoptante definitivo válido.

Mato Otero indicou que outro dos cambios que recolle a lei é a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, como órgano de estudo, consulta e asesoramento adscrito á Consellería competente en materia de protección animal. As funcións básicas que terá este comité consultivo son a emisión de informes e ditames, a realización de estudios que solicite a Administración competente e promover estudos de planificación e coordinación nesta materia.

Na súa composición deberá garantirse a presenza de todas as consellerías que gardan relación con esta materia, da Federación Galega de Municipios e Provincias, das asociacións de protección e defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como das entidades de carácter medioambiental.