Revista de Prensa


Cóidanlle as leiras aos veciños, alimentan as perdices e organizan cada ano segas e mallas tradicionais
Laura López · 24/7/2008

Os cazadores teñen fama de moitas cousas, boas e malas, pero non soen estar ben vistos polos labradores, por mor de que din que lles pisan as terras. Menos en Laxe. Alí, a Asociación de Cazadores conseguiu ao mesmo tempo recuperar unha tradición esquecida como é a sega e a malla, axudar aos labradores coas súas terras, e mellorar a alimentación das perdices do coto.

Hai preto de quince anos, os cazadores reciben prestadas dos veciños algunhas terras que están abandonadas. «Nós limpámolas de maleza, roturámolas e sementámolas de trigo para alimentar ás perdices do coto», explica Jorge Paredes, secretario da asociación. O ano pasado tiveron un trigo tan bo que este cazador propuxo aos seus compañeiros facer unha sega. «Eu, como a maioría dos do meu gremio, antes que cazador fun labrego, e lembro como a sega e a malla servían, ante todo, como unha forma de manter unidos aos veciños, de xuntarse uns días para traballar e pasalo ben, para relacionarse socialmente», continúa Paredes.

O mes que vén é a malla

O ano pasado organizárona para ver como funcionaba e, dado o éxito, repetiron estes días. Nesta ocasión teñen tres leiras en Laxe e Serantes, que suman un total de 18 ferrados. Uns vinte veciños, entre labregos e cazadores, estanse xuntando para facer a sega e rematarán o sábado. E velaí están, todos unidos, «coma antes», cos seus fouciños, recuperando a súa historia. Logo farán a malla, o día 8 de agosto, e así completarán o ciclo que comezaron coa sementeira. Ao cortar o trigo con fouciño, tamén lles permite que lle quede unha altura considerable para poder protexer ás perdices.

Unha parte do cereal déixanllo para as perdices, pero sobra, así que organizan tamén unhas fornadas de pan e aproveitan para facer ademais unha comida todos os veciños xuntos.

Paredes móstrase moi satisfeito con esta iniciativa, que está tendo moita aceptación e «permitiunos reconciliarnos cos labregos». Ademais, participa a xente nova e veñen a velos turistas curiosos. Este cazador quere tamén que en próximas edicións poidan vir grupos de escolares con mestres para que coñezan como se traballaba a terra ata finais do século pasado.