Revista de Prensa


Uns 50 menores de idade teñen neste momento autorización para usar unha arma na provincia de Lugo. Aproximadamente o 5% deles teñen entre 14 e16 anos e o resto superan esa idade, pero en Galicia, nesa franxa só poden facer tiro deportivo. Ata os 16 anos non poden cazar.
Carmen Uz · 23/4/2012

O dato achégao a Garda Civil, que é quen concede a autorización. En España son preto de 13.400 os menores con permiso para usar arma, un documento que só autoriza a usala, nin sequera a portala, en presenza do titor, unha persoa maior de idade que estea en posesión de licenza de armas. «é a responsable do mal ou do bo uso que se faga dela», explica o interventor da Comandancia da Garda Civil de Lugo, Ovidio Argiz Fernández.

O accidente sufrido hai uns días por Froilán, o neto do Rei, cando facía práctica de tiro xunto ao seu pai nunha leira familiar avivou a polémica sobre o uso de armas por parte de menores. Froilán ten 13 anos, polo que de ningún xeito pode manexar un arma de fogo. Cun ano máis si podería e en varias comunidades autónomas incluso podería cazar. En Galicia, de momento, non é posible. A Lei de Caza de 1997 establece que só se pode cazar a partir dos 16 anos, aínda que a norma está a ser revisada e o anteproxecto presentado no principio do ano pola Xunta rebaixa a idade mínima para contar cunha licenza de caza aos 14 anos.