Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Elisa Barcia: «O noso monte quédase sen coellos»

A deportista de Camba aposta por investigar en profundidade a súa desaparición

| · 3/1/2016

A Federación Galega de Caza aglutina a máis de 20.000 cazadores federados; máis do 43 % dos cazadores galegos, e estructúrase cunhas 470 sociedades de caza espalladas pola comunidade. Entre os seus múltiples obxectivos está o defender a práctica dun deporte asentado nunha base social forte e sustentable que cada vez se apoie máis nunha correcta xestión con base en principios técnicos. A presenza de mulleres neste eido deportivo non é do máis granado pero as féminas comezan a facerse oco nun círculo concebido maioritariamente baixo o signo masculino. Elisa Barcia Pretel (natural do lugar de Aboldrón da parroquia de San Xoán de Camba, Rodeiro) é unha desas mulleres ás que lle gusta saír ao monte cos cans na procura de perdices, e que mesmo acaba de ser nomeada vogal da Federación de Caza de Pontevedra.

 

-¿Como xurde o seu interese por este deporte?

-Pois un pouco pola realidade que se movía ao meu carón. Meu pai é cazador, e o meu home tamén... Así me fun incorporando a esta práctica deportiva e agora xa levo tres anos no Tecor de Rodeiro.

-¿É a única muller que pertence á sociedade de Camba?

-Non. Está tamén María Antonia Ramos que é a actual secretaria e, con anterioridade, houbo máis mulleres.

-Malia que a muller xa posúe un importante oco neste terreo deportivo, ¿séntese relegada polos compañeiros a un segundo plano?

-Para nada. Tanto dentro da sociedade coma á hora de participar en distintas actividades programadas dende a federación nunca me sentin fóra de lugar. A relación cos compañeiros cazadores sempre foi axeitada, sen complicacións nin incidencias. O acollemento sempre foi perfecto. É certo que a sociedade conta cunha ampla maioría de homes pero coa nosa chegada, a das mulleres, nunca puxeron pegas.

-¿Como se xesta a súa entrada na Federación de Caza de Pontevedra?

-Imaxino que un pouco por casualidade e a raíz da pasada edición da Festa da Caza que se fixo en Rodeiro, organizada polo concello e en colaboración coa propia federación. Semella que lles gustou a miña implicación na sociedade, o que facía e o xeito en que defendía a práctica deste deporte e foi cando falaron conmigo e me propuxeron formar parte da directiva da federación galega e aí estou xunto a outros moitos compañeiros loitando para mellorar todo o que sexa posible.

-Como vogal da Federación de Caza de Pontevedra, ¿que melloras pretende acadar para a súa sociedade, a de Camba?

-Todas as que sexan posibles e pidan os socios claro. O importante é sacar adiante este terreo cinexéticamente ordenado (tecor) entre todos. Somos actualmente 200 socios é importante manter a base asociativa para que a sociedade se manteña con boa saúde. Por outra banda sería sumamente importante desenvolver unha serie de tarefas relacionadas cos desbroces e, por suposto salvar a caza.

-¿Teme un descenso tamén noutras especies, á marxe do coello?

-Podería suceder. No que atinxe ao coello penso que se deberían de prantexar investigacións serias e exhaustivas para saber con exactitude a que se debe a desaparición do mesmo. Antes, nos nosos montes -e penso que en toda a comarca- era unha especie en abundancia e agora prácticamente non hai. Algo está pasando. Algúns apuntan a que se debe á proliferación da enfermidade vírica hemorráxica pero o que está claro é que escasea a súa presenza nos nosos montes e dende o meu punto de vista debería de investigarse en profundidade a súa desaparición.

-Coello, perdiz, ¿que prefire á hora de cazas?

-A perdiz, sen dúbida algunha. Non é que non me guste a caza do coello pero o problema que estamos a ter nestes últimos anos, é o que comentei, de que non os hai. Os nosos montes de Camba quedáronse sen coellos. Ao haber tanta escasez aposto máis pola perdiz e pola caza maior de corzo e xabarín.

Compañeiros fieis e inseparables. Son os seus dous cans de raza breton cos que comparte todas as súas saídas ao monte.

Antecedentes familiares. Ningunha muller da súa familia aposta por este deporte pero recoñece que varias das súas amigas o practican.



Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza