Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Caza con escopeta, actividade sostible?
De forte tradición no noso rural, preto de 55.000 galegos practican este deporte que, ademais de xerar uns 94’5 millóns de euros ó ano, atribúese a función de regular a fauna salvaxe. Unha función totalmente rexeitada polos ecoloxistas, que denuncian cotas sobredimensionadas e censos falseados coa connivencia dunha Administración “plegada ó lobby da escopeta”
| Rebeca Fernández · 25/10/2009
Se hai unha actividade estreitamente relacionada co medio natural que nos últimos anos estea sempre envolta na polémica esa é a caza. Amada por uns e denostada por outros, a súa vocación de reguladora do ecosistema vese cada vez máis cuestionada. A caza, á marxe doutras consideracións, é unha actividade lícita e legal que practican cada ano preto de 55.000 galegos. Regulada por lei autonómica dende o ano 97, a saída ó monte cunha escopeta ó lombo é unha tradición fortemente arraigada no noso rural. Segundo o I Estudo Socioeconómico sobre a Caza, o perfil do cazador galego correspóndese cun home de entre 30 e 64 anos, aínda que se pon de manifesto a pervivencia desta actividade entre os máis maiores. Ademais dos beneficios económicos que xera, cun volume de negocio superior ós 94 millóns e medio de euros e un gasto medio por cazador duns 1.700 euros, quen practica esta actividade segue a defendela como a mellor garantía para a preservación da fauna salvaxe, reducindo os conflitos coa poboación. Unha visión que non se corresponde coa do movemento ecoloxista, que leva anos denunciando que a actividade dos cazadores esquilma a fauna dos nosos montes, afectando incluso a especies vulnerables ou en perigo de extinción. Un prexuízo ó que se suma a imposibilidade de gozar do monte por parte da cidadanía durante as temporadas de caza. O número de animais existente en cada un dos 430 tecores (terreo cinexéticamente ordenado) existentes en Galicia así como a súa idade determina a cota de capturas para cada unha das especies obxecto da captura, tal e como establece a Lei de caza do 2002. A configuración deste censo corre a cargo de técnicos competentes que elaboran un expediente administrativo, validado pola Dirección Xeral de Conservacón da Natureza e de obrigado cumprimento. Tal e confirman dende a Consellería de Medio Rural e da propia Federación Galega de Caza, cada cinco anos elabórase un Plan de Ordenamento dos tecores, que inclúe un plan de aproveitamento anual no que se determina o número de exemplares que poden cazarse. "Existen uns criterios rigorosos e estritos para configurar os cupos de capturas que, ademais, adoitan modificarse no caso de que as condicións previstas para cada tecor muden", explica José María Gómez Cortón, presidente da Federación Galega de Caza. Este sistema, aplaudido nun primeiro momento por introducir uns criterios técnicos na xestión cinexética fronte ós antigos cotos de caza, tornouse perverso para o movemento ecoloxista pola "manipulación" que se fai dos censos. "Existe un sobredimensionamento das cotas. Os censos están manipulados, falseados e inflados, o que permite non só matar máis animais dos recomendables, senón ampliar a temporada de caza e esquilmar a fauna silvestre, afectando incluso a especies vulnerables ou en perigo de extinción". As palabras de Martiño Fiz, membro da asociación ecoloxista Adega, resumen o sentir de diversos colectivos ecoloxistas como Matar por Matar, Non!, Verdegaia e Ascel, que denuncian a escasa sensibilidade dos cazadores que mesmo chegan a usar a escopeta en áreas de seguridade e incluso nas protexidas. Para facerlle fronte a esta situación, dende o movemento ecoloxista esíxese un maior e máis rigoroso control por parte da Xunta, que actualmente dispón de menos dun axente por cada 55 cazadores e 5.300 hectáreas. As súas críticas chegan tamén ás vedas establecidas no Comité Galego de Caza, órgano cualificado de "mera poxa de datas e cotas, na que as datas se establecen seguindo os intereses dos cazadores e non criterios científicos". A Administración tampouco queda á marxe das críticas. Para os colectivos ambientalistas, a función "meramente mediadora" que desempeñou ata o de agora o goberno bipartito tórnase agora "favorable ó lobby da escopeta", como demostra a non intervención en tecores con incidencia alta en furtivismo.Para eles, reivindicacións vitais como a necesidade de que os cazadores pasen un exame que garanta o coñecemento do monte e das especies, elevar ata os 18 a idade mínima para desempeñar esta actividade ou a supresión definitiva dos perdigóns con chumbo poden quedar no esquecemento co cambio de goberno. Co debate enriba da mesa e a temporada de caza maior e meno abertas, corzos, xabarís e coellos agardan no monte polo seu destino.


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza