Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Tropezo coa realidade do rural
O pasado martes camiño dun acto de campaña, ao vehículo do presidente Feijóo saíulle ao paso a realidade do rural galego en forma de dous xabarís que foron atropelados polo coche oficial. O certo é que aos agricultores e gandeiros tamén lles sae ao paso o xabaril en campaña, só que neste caso son eles os atropelados por estes animais, e as súas campañas non son electorais, senón de produción e cultivos.
| Jacobo Feijoo · 11/11/2011
Dende hai unha década os danos do xabaril no rural van a máis cada ano, e están converténdose nun factor negativo que resta produción e competitividade as explotacións galegas, cada vez máis necesitadas de producir millo e forraxe na súa sen depender dos pensos do mercado afectados pola inflación do prezo dos cereais. O xabaril está a destruír unha media do 8% da produción de millo forraxeiro, ao que hai que sumar danos en prados, hortas e outros cultivos.

A raíz do problema é a falta de control das manadas de xabarís, que medran máis aló do que o territorio as pode manter cos seus recursos naturais, e acoden aos cultivos na busca de alimento. É necesario un esforzo serio para afrontar este problema que ameaza a actividade agrogandeira e que pon en perigo a seguridade dos condutores.

Para elo a Xunta non pode seguir escondéndose, e ten que liderar a busca de solucións e a creación dun marco lexislativo axeitado que facilite o control das poboacións de xabarís , e axilice as medidas de caza por control de danos, alí onde supoñen unha ameaza seria para as explotacións. Nunca haberá risco cero, pero é esixible que este se reduza ata niveles tolerables para agricultores, gandeiros e usuarios das estradas galegas.

E compre que agricultores e gandeiros deixen de alimentar a costa do seu traballo sen compensación, a unha fauna salvaxe que pertence ao conxunto da sociedade galega. Ten que ser a sociedade a que responda solidariamente, indemnizando de forma xusta a quen mantén a súa fauna a costa dos seus cultivos e forma de vida. Non deixa de ser irónico que fora a Xunta de Feijoo quen anulara as axudas para o pago dos danos do xabaril nos cultivos, que leva a xente do campo sen cobrar xa dende 2009, e que o atropelo se dera no Deza, comarca gandeira por excelencia, destacada este verán polo nivel de danos nos cultivos, e onde as queixas e demandas de solucións foron máis intensas.

Felicitámonos polo feito de que o presidente saíra ileso deste incidente que só causou danos materiais no vehículo oficial. Non sempre hai tanta sorte. Pero esperamos que este tropezo coa realidade do rural sirva para sensibilizalo cara un problema no que ata o de agora o seu Goberno mostrou unha falta total de interese, e tome dende a presidencia da Xunta, todas as medidas precisas para controlar as poboacións de xabarís , e facelas compatibles coa práctica da agricultura e a gandería. E igualmente que non esqueza pagar os danos a quen alimenta á fauna salvaxe día a día co froito do seu traballo.


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza