Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
DESPEDIDA E AGRADECEMENTO
“A miña vida sempre estivo ligada á FGC”
30/12/2022

No día de hoxe, 30 de decembro, terá lugar a toma de posesión e traspaso de poderes na presidencia da Federación Galega de Caza. Nesta data, Nogueira pecha un ciclo de 28 anos vinculado ao ente federativo. Nas seguintes liñas, este pontevedrés despídese dos cazadores galegos aos cales representou durante tanto anos e dos cales agradece enormemente o respaldo e apoio amosado.

Javier Nogueira, ese cazador da aldea como él mesmo se identifica, ocupou diferentes cargos de representación na Federación Provincial, na Autonómica, na Nacional e en Mutuasport. Un extenso “palmarés cinexético” que o converteu nunha das “principais espadas” na defensa da caza no noso país. Áxil de mente, intenso no cara a cara, leal, coherente e directo... son algúns dos adxetivos que definen a este apaixoado da caza en xeral, e coelleiro en particular. Un presidente “cercano” que non escatimou esforzos á hora de defender a caza e os cazadores. Unha despedida triste para todos pero merecida para él... Gracias Javier!

- Coñecemos ao Javier Nogueira como presidente da FGC pero... ¿Quen é verdadeiramente Javier Nogueira?

Eu considérome unha persoa moi transparente, o mesmo Javier que presidiu a FGC é o mesmo Javier non presidente. Non mudo de persoa, os que me coñecen saben que son moi directo, que o mellor teño o defecto de dicir mais o que penso que pensar o que digo. Son espontáneo e instantáneo, o que si é certo é que a experiencia lévate a ser máis defensivo, a medir máis os tempos de contestación, a ser capaz de facer todas esas fases do toreo.  

- ¿Que sinte Javier Nogueira nestes intres? Tristeza, morriña, ledicia...

Eu creo que isto hai que analizalo pasado un tempo, agora non se pode dicir cal é a sensación. Tristeza non, morriña posiblemente si porque foron moitos anos na Federación. Foron os anos máis importantes dunha persoa, xa que dende os 30 e os 60 anos é a etapa dunha persoa na que executa o que é a súa vida en si, e neste período da miña vida a Federación estivo ligada a min. 

A máxima ledicia que tiven foi representar ao colectivo de cazadores durante case 30 anos. Dentro duns meses veremos como estou, non vai ser sinxelo porque a transformación é importante. Por exemplo, ter que despachar ao ano aproximadamente 4500 - 5000 correos electrónicos con unha multitude de arquivos adxuntos a que, de súpeto, esa parte quede liberada pois hai que recoñecer que si que vou notar un cambio. A miña vida despois de 28 anos non vai estar ligada a este traballo federativo. 

Eu non considero solo estes 12 últimos anos como presidente autonómico se non aos 28 anos federativos que iniciamos con aquel proxecto na rúa do Hórreo e aquela Federación que hoxe deixamos. Unha Federación distinta, consolidada e avanzada. Calquera que analice os datos numéricos da Federación Galega de Caza ve que foi das federacións españolas que menos deterioro sufriu, practicamente neutra. Nos últimos 12 anos os números son neutros máis menos o 1 por cento e iso é algo a resaltar nun colectivo que perdeu o 40 ou 50 por cento de cazadores susceptibles de federarse.

- Firmado o traspaso de poderes e dando por rematada unha etapa tan importante na túa vida... ¿Cales foron as persoas das que te lembraches?

O primeiro foi a familia, en especial a miña muller e os meus fillos. Sen o esforzo deles seria imposible levar 28 anos na Federación... tendo que poñer as datas das comunións, bautizos, e demais celebracións condicionados á vida federativa. Deixar a familia moitos fins de semana, adicar á Federación moitas horas, facendo centos de miles de quilómetros lonxe da casa. En especial agradecerllo a miña muller porque os meus fillos xa naceron coa condición de un pai Federación. Tamén quero agradecer a todos os meus compañeiros, tanto dende a federación provincial, autonómica e nacional.

- ¿É un adeus definitivo á FGC?

Non, porque a Federación vai estar sempre comigo a onde vaia. Eu vou deixar de ser federativo e federado cando me vaia ao máis ala. Si que é un adeus a unha Federación na primeira liña. Esa primeira liña que condiciona moito, que hai que estar moi preparado física e psicolóxicamente porque hai saber afrontar cambios. Uns cambios sociais que nos queren deixar ao marxe da evolución social cando a caza e a Federación evolucionan igual que calquer institución. Hai unha corrente moderna que non lle gusta a caza e iso quéimate moito é por iso que a persoa que vaia presidir a FGC ten que ter en conta isto.

- Foron moitos os anos ao fronte da presidencia da Federación Galega de Caza durante os cales ocorreron moitas cousas no eido cinexético galego, ¿Que destacarías en positivo e negativo destes 12 anos?

Eu son positivista e quédome cos momentos bos, e se non aplico a teoría de meu pai que dicía que “non hai mal que por ben non veña”. Eu quédome con legar algo nas mellores condicións posibles, ser capaz de recibir un legado, unha herdanza. Eu considérome participe das xestións feitas por Pichel, Vaamonde e Cortón, e por tanto legar o que nos deixaron nas mellores condicións era a miña obriga e quédome con eses momentos que son os bos. Por momentos houbo que pelexar moito porque as augas estaban revoltas, se cadra eses poderían ser os momentos malos, saber navegar en augas revoltas tamén é importante. Na vida en xeral hai turbulencias, quen é capaz de saír mellor delas pois sobrevive.

- Tanto a nivel social, cinexético como económico... ¿En que situación deixa Javier Nogueira e o seu equipo á FGC?

No campo económico creo que quedamos nunha posición moi boa. Se nos comparamos coas demais federacións deportivas e de caza podemos dicir que temos unha tesourería aceptable, temos un nivel de ingresos suficientes.

Dende o punto de vista social como xa dixen anteriormente, somos a Federacións de Caza que menos perdemos. Agás a Federación extremeña que por un cambio lexislativo que pelexaron e conseguiron que fixo que incrementaran por 3 o número de federados, o resto de federacións perderon ata un 20 ou 30 por cento de federados, cando a FGC segue practicamente co mesmo número de federados que fai unha ducia de anos. Isto é un dato moi importante porque como todos saben o número de cazadores en Galicia reduciuse case a metade nas últimas dúas décadas. Circunstancias xerais alleas a Federación e a caza foron minguando o número de cazadores, a caza é unha actividade vinculada ao rural e cada vez son menos os galegos que habitamos no rural. Isto as veces non gusta que o diga pero é a realidade, vivir no rural era, na maioria das veces, o que te levaba a ser cazador. O ratio de cazador/cazador federado incrementouse nos últimos anos e iso é pa estar satisfeito. 

- ¿Que lle aconsellas e que lle desexas ao novo equipo e presidente da FGC?

Non son quen para dar consellos e moito menos a persoas como a Luís Eusebio Fidalgo que vai liderar un proxecto que xa coñece. O único que lle digo e lle desexo e que teña sorte e que se aplique porque hai que aplicarse, non queda outra. Non teño capacidade para darlle consellos aos que veñen porque son xente experimentada, con nivel de xestión importante e a Federación vai seguir en boas mans. 

- Foron moitas, eu diría que centos, as reunións mantidas ca Administración. Reunións de traballo nas cales puidemos ver a un Nogueira duro e intenso nas negociacións pero sempre respetado. ¿Con que te quedas de todos estes momentos vividos con políticos e diferentes entidades de representación da Administración?

O titular sería “respetado”, non so como Javier Nogueira, se non como institución. En todos os lugares aos que asiste a FGC un síntese respetado. Son coherente, son duro, poño moito corazón e non dou deixado o corazón aparte do cerebro pero o que está claro e que a FGC ganouse un respeto como institución dende fai moitos anos, e creo que hai que seguir nesa liña do sentido común. 

É certo que as veces libramos pelexas duras, máis internas que externas, pero sempre dende o respeto e dende a comprensión.

- Pechas a porta a túa etapa na Federación Galega de Caza pero aínda quedan abertas as portas da RFEC e Mutuasport nas cales aínda tes cargos importantes de representación. ¿Que vai ocorrer nos vindeiros meses?

Terei que falar co presidente de Mutuasport, da RFEC e co novo presidente da FGC. No tema da RFEC o novo presidente da FGC ten que ser o que represente a nosa comunidade e penso que eu faría un fraco favor permanecendo nos cargos de representación da RFEC. Algúns dos meus compañeiros téñenme pedido que esgote a lexislatura pero non vai ser así. O meu cargo específico na tesourería da RFEC tentarei que alguén o asuma e tanto Luís Eusebio como Gallardo terán que decidir e falalo. O que teño claro é que quero e debo deixar calquer cargo de representación na RFEC porque ese papel xa ó ten que desempeñar e representar Luís Eusebio.

No tema Mutuasport eu son Consejero e presido a Comisión de Auditoría Interno e Control Interno, isto xa é un nombramento directo do Consejo. O presidente de Mutuasport si que me pide que remate a lexislatura e se non hai inconvinte por parte dos meus compañeiros pois rematareino. Isto tamén o falarei con Luís Eusebio.

Para min Mutua é algo que levo na alma, en todo este tempo a nivel nacional unha das facetas que máis desempeñei foi a miña labor en Mutuasport.  Dende que Gómez Cortón me pediu que ingresara na Comisión de Control Interno de Mutua traballei arreo para dar un vuelco a aquela Mutua que tiña deficiencias técnicas e económicas (cando foi aquel tema dos seguros dos Cotos) que tivo á Mutua en situación moi complicado. 

- Por dicilo dalgún xeito... Mutuasport é o combustible que move a caza federada a nivel nacional, ¿Como foi o pasado, como é o presente e como será o futuro da mutua dos cazadores?

Si si, a actual situación de Mutuasport  é moi boa, moito menos convulsa que fai anos. Hoxe Mutuasport xa vai sobre carriles, ten un nivel técnico altísimo, pasamos todas as auditorías económicas e de función sen un mínimo “pero” e calquera recomendación que nos fan é unha recomendación super leve. Conseguimos que a Mutua este sempre  para saír ao rescate da estructura federativa. Creo que foi algo que volvemos a conseguir, non en vano no seu día quedamos 8 federacións en mutua e hoxe voltamos a estar, practicamente, todas as federacións autonómicas de España.

- Son moitos os amigos que deixas espallados por España, moitos compañeiros nas federacións autonómicas, na RFEC e en Mutuasport... de todos eles ¿Cal ou cales destacarías pola estreita vinculación e amizade que mantiveches?

É inxusto destacar algún nome, son moitos e seguro que me quedaría algún no tinteiro. Tamén é incerto dicir que todos están ao mesmo nivel, hai persoas cas que tes máis relación, e outras menos. Pero volvo a destacar o respeto mutuo que sempre tiven por os meus compañeiros. 

Hai moitas persoas das que me lembro, por exemplo, do profesor Valcárcel, e digo profesor no sentido cinexético e federativo. Valcárcel ensinoume moitas cousas, ensinoume a templar, a ver “por detrás de”. Arturo Pichel tamén é unha persoa entrañable para min, foi quen me trouxo á Federación e me deu a confianza xunto co presidente daquel entón da FGC de Pontevedra, Antonio Fraga. Teño que acordarme tamén de Vaamonde e de Gómez Cortón dos cales traballei codo con codo e dos cales aprendín moito. A nivel nacional tamén agradezo a confianza que depositaron en min os presidentes nacionais os cales, todos eles, contaron comigo levándome nos seus equipos.

Estou moi agradecido do apoio dos meus presidentes provinciais durante todos estes anos, comigo sempre foron persoas moi leais. Ao igual que me ocorreu cos meus compañeiros da xunta directiva.

- ¿Como era un día da vida de Javier Nogueira como presidente da FGC?

Todos os días da semana Javier Nogueira abría o seu correo electrónico e despachaba os asuntos pertinentes como presidente da FGC. Se era preciso ou si había diferentes reunións pois trasladábame aquí a Santiago ou a Madrid se eran asuntos da RFEC ou Mutuasport. Foron moitos os email, moitas as chamadas e moitas as reunións de traballo. A min cando me dicían “comenzou a tempada de caza” ... eu sempre lles dicía que a caza pa min comenzaba o 1 de xaneiro e remataba o 31 de decembro. Sempre tiven cousas relacionadas coa caza e coa Federación todos os días do ano.

- E... ¿Vai saber vivir Javier Nogueira sen a FGC?

Si, se non pouco me queda de vida... ja ja. Teño que ver como me adapto á vida extra-federativa, xa que son 28 anos vinculados á FGC. Teño moitas afeccións aparte da caza, tamén teño empresas e a vida segue.

- Das miles de pinceladas que nos deixaches nestes 12 anos quedámonos con algunha como... “So me preocupa que a caza me deixe de ilusionar”... ¿Sentiches ou sentirás iso nalgún momento? 

Nunca. Con 3 anos pedíalle aos reis unha escopeta de caza, nunca me deixou de ilusionar. Eu son cazador de coello, non hai un so lance de caza que eu non valore e analice, ainda que o resultado sexa negativo, positivo ou neutro. Non creo que me deixe de ilusionar nunca... cando chego á casa algún día despois de cazar, mollado e cansado, digo “teño que deixar isto”... a miña muller escoita, saca un sorriso e movendo a cabeza dime... “isto xa o escoites fai 35 anos de recen casados e aínda non a deixaches”.  O día que durma toda a noite antes de comenzar a tempada regular de caza... malo... o día que non chegue a casa e reflexione os lances da xornada de caza... malo. 

- Durante todos estes anos, ao persoal da FGC, tanto nas provincias como na galega, deixácheslles unha impronta de rigor e traballo moi especial, tamén algún que outro “enfado”... pero non é menos certo que tamén derramaches bagoas de tristeza coa túa despedida.... ¿Como foi o día a día e o traballo co persoal da FGC?

O sentir que teño de todos os traballadores da Federación e de apoio, lealdade e de bo facer en xeral. Algún enfado claro que si, os que me coñecen tamén saben que me cabreo as 9 da maña e as 9:15 xa me pasou, porque é a miña forma de ser. As veces non valoro o suficiente ese pronto que teño e alguén pódeo malinterpretar, pero no momento que a xente me coñece xa saben como son.

- Chega o momento de rematar a entrevista, e non podía ser doutro xeito que despedíndote dos cazadores galegos... ¿Que lles queres dicir?

A máxima que lles quero transmitir aos cazadores galegos e que continúen unidos á Federación Galega de Caza porque é o máis grande que temos os cazadores galegos. O 80 por cento das sociedades de caza son sociedades federadas, que xestionan case o 90 por cento do territorio de caza de Galicia. Non hai dúbida que a FGC é o ente principal da caza galega e debemos estar unidos entorno a él... se non nos gustan como van as cousas pois hai que coller o boi polos cornos e hai que modificalas. A FGC é importantísima, hai que ser crítico coa Federación dentro dela, hai que facer críticas positivas e con solucións. 

E por outra banda quero dar as gracias a todos os cazadores polo apoio recibido, nunca recibín disidencias masivas nin tan sequera importantes. Cando ti sintes o apoio da quen representas pois tes todo porque sen apoio non hai representación. Vou me coa satisfacción do deber cumprido e seguramente que se puido facer mellor pero non  con máis ilusión, intensidade e dedicación. Eternamente agradecido. Gracias!

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

FGC - CMATV
06/02/2023
A caza menor e a posta en valor do cazador foron propostas presentadas pola FGC ante a Conselleira de Medio Ambiente

SECRETARIA XERAL PARA O DEPORTE
02/02/2023
A nova Xunta Directiva da FGC destaca a importancia da actividade cinexético deportiva ante o Secretario Xeral para o Deporte

PRESIDENTE DA FGC
02/02/2023
“Pido unión e traballaremos para que a sociedade vexa aos cazadores tal e como somos”

FACE
26/01/2023
O presidente da FGC participou na reunión da xunta directiva da FACE celebrada en Dortmund


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza