Segundo o novo informe da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), presentado onte 8 de xullo, os sinistros viarios con implicación de animais ascenderon a máis de 36.000 en 2024 e supoñen xa un de cada tres accidentes en vías interurbanas. En Castela e León, paradigma da problemática, esta porcentaxe alcanza o 61%, representando dous terzos das incidencias.
Este incremento, que deixa un dramático balance de 8 falecidos, e 549 feridos en 2024, atribúese principalmente á sobreabundancia de fauna cinexética, especialmente xabariles e corzos, que provocan respectivamente o 42% e o 32% dos sinistros.
Galicia, Castela e León e Castela a Mancha concentran a maior parte da incidencia, en coincidencia con zonas forestais e escasamente poboadas.
A DXT subliñou o alarmante da tendencia, pois os accidentes provocados por animais duplicáronse nos últimos dez anos, pasando de 17.170 en 2013 a máis de 36.000 en 2024, e sinalou a urxente necesidade de abordar a problemática da poboación animal en zonas lindeiras con estradas.
Na quenda de rogos e preguntas, o presidente da Real Federación Española de Caza apuntou que a tendencia é similar en canto ao número de capturas, que se duplicaron nunha década para o xabaril, e reivindicou a caza como unha ferramenta de xestión indispensable no manexo das poboacións silvestres fronte aos riscos asociados á súa proliferación en materia de seguridade cidadá, danos á agricultura e sanidade pública.
Entre as recomendacións elevadas pola asociación española de estradas, responsable da elaboración do informe, atópanse a necesidade de efectuar unha monitorización das poboacións de fauna silvestre e abrir un debate sobre a imperativa xestión da sobreabundancia de especies como o xabaril.
O sector cinexético, representado pola Real Federación Española de Caza, volveu quedar ao dispor das administracións para colaborar en cantas medidas e protocolos consideren oportunos.