App FGCaza

A app oficial da Federación Galega de Caza. A túa federativa, os teus cans e toda a actualidade da caza galega, no peto.

Icona da app FGCaza

Todo o que precisas como federado, nunha soa app

FGCaza é a aplicación móbil oficial da Federación Galega de Caza. Con ela podes consultar o teu seguro federativo, saber que se pode cazar cada día e o tempo que fai, levar o teu diario de caza, xestionar os teus cans e solicitudes, inscribirte en competicións e estar ao día de todas as novas da Federación.

É gratuíta e está dispoñible para iPhone e Android.

Pantalla de inicio da app FGCaza

Novidades na app

Novo

Hoxe cázase?

Escolle un día e mira que especies están en período hábil segundo a orde de vedas, cos avisos de emerxencia cinexética polo xabaril. Inclúe a previsión do tempo onde estás: temperatura, vento e probabilidade de choiva.

Información orientativa elaborada pola FGC; prevalece sempre a publicación oficial no DOG.

Novo

Diario de caza

Anota cada xornada: data, lugar (ou a túa ubicación GPS), capturas por especie, os cans que participaron, fotos e comentarios. Consulta as túas xornadas por tempada.

É persoal: gárdase só no teu móbil. Podes facer unha copia de seguridade en Drive, iCloud ou correo.

Novo

Censado da arcea

Se es censador autorizado, rexistra as túas xornadas de censo nos tecores asignados dende o monte: arceas vistas e abatidas, horas e cans, coas estatísticas da tempada e o mínimo de xornadas.

Reservado aos censadores autorizados pola FGC.

Novo

Cambios no anexo dos cans

Solicita altas e baixas de cans no anexo do teu seguro sen papeis, enchendo os datos dende “Os meus cans”. A Federación revisa a solicitude e envíache o novo anexo por correo.

Segue o estado das túas solicitudes dende a propia app.

A mesma conta que na web

Se xa estás rexistrado na área de usuario da web, non tes que crear unha conta nova: entra na app co mesmo correo electrónico e contrasinal. Atoparás os mesmos datos, solicitudes, cans e inscricións que na web.

Se aínda non tes conta, podes rexistrarte dende a propia app ou na web, e servirache para as dúas. Esqueciches o contrasinal? Recupérao aquí.

Non deixes que caduque o teu seguro

A app avísate 30 días e de novo 15 días antes de que caduque a túa licenza federativa, para que renoves a tempo e non te quedes sen cobertura en plena tempada. Escolle como queres recibir o aviso:

Notificación push

Chégache directamente ao móbil. Vén activada de serie e podes desactivala cando queiras.

Aviso por WhatsApp

Recibe o recordatorio no teu WhatsApp. É opcional: actívao se tes un teléfono no teu perfil.

Configúraos na app, dende a campá da sección Actualidade, ou na web, no teu perfil de usuario. Se tes o seguro domiciliado, o aviso lembrarache a data da renovación automática.

Que podes facer coa app

O teu seguro federativo

Consulta a túa licenza federativa e a póliza en vigor: número, tipo, sociedade, datas e provincia. Solicita unha copia en PDF e recíbea no teu correo, e recibe un aviso antes de que caduque.

Solicitudes e pagos

Segue o estado das túas solicitudes de federativas e seguros a través da web, confirma as transferencias e xestiona os pagos dende o móbil.

Os meus cans

Rexistra os teus cans coa súa foto, escanea o microchip coa cámara e solicita altas e baixas no anexo do seguro. Tenos sempre á man para os trámites coa Federación.

Competicións e calendario

Consulta as probas abertas e o calendario de eventos, inscríbete en segundos, engade as datas ao calendario do móbil cun lembrete do fin da inscrición e revisa os teus resultados.

Actualidade e avisos

Todas as novas da FGC filtradas por categoría, con notificacións push que podes personalizar segundo os teus intereses.

A miña documentación

Garda licenzas de caza, permiso de armas, carnés e recibos de tecores, emisoras e cartillas dos cans. Os documentos quedan só no teu dispositivo.

Capturas de pantalla

Pantalla de inicio da app FGCaza con acceso rápido a licenzas, cans, solicitudes, inscricións e perfil
Inicio
Sección de actualidade con novas da Federación filtradas por categoría
Actualidade
Listado de probas abertas para inscribirse en competicións
Inscricións
A miña documentación: licenzas, permiso de armas, tecores, emisoras e cartillas
Documentación
Pantalla de acceso á área privada da app FGCaza
Acceso

Comunicacións rápidas

Dende a pantalla de inicio podes comunicar á Federación, en poucos toques, os incidentes relacionados coa actividade cinexética:

Tiven un accidente de caza
Protocolo de actuación inmediata
Perdín o meu can
Comunica un can extraviado á FGC
Ataque de lobo
Denuncia ataques de fauna salvaxe

Os teus datos, seguros

A sesión gárdase de forma cifrada no teu dispositivo e os documentos da sección A miña documentación e as xornadas do teu Diario de caza nunca se envían a ningún servidor. A ubicación, se a permites, úsase só para mostrarche o tempo e para gardar o lugar dunha xornada no teu diario; a FGC non a recibe. Se nalgún momento queres dar de baixa a túa conta, consulta como solicitar a eliminación da conta.

Descarga FGCaza gratis

Dispoñible para iPhone e Android. Entra co mesmo usuario e contrasinal da web.

Tes dúbidas? Escríbenos a federacion@federaciongalegadecaza.com ou chama ao 981 562 777.

Política de cookies

Usamos cookies técnicas necesarias e, se o autorizas, cookies analíticas e de marketing. Podes aceptalas, rexeitalas ou personalizalas agora. Consulta a nosa política de cookies para máis información.