Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
ANTE A FACE
A ONC representa aos cazadores españois en Europa
17/7/2015

A Oficina Nacional de la Caza (ONC), entidade da que forma parte a Federación Galega de Caza, reuniuse en París coa Federación de Asociacións de Caza e Conservación Europeas (FACE) para establecer unha postura común ante a posible modificación das Directivas Europeas Aves e Hábitats.


No centro, o secretario xeral de FACE, Filippo Segato. A ONC estivo representada por Luis Fernando Villanueva, esquerda, e Jorge Gabernet, dereita, durante a reunión mantida en París o pasado xoves.

Representantes da Oficina Nacional de la Caza (ONC) española reuníronse o pasado xoves 9 de xullo coa Federación de Asociacións de Caza Europeas para trasladarlle a postura dos cazadores españois ante a recente consulta popular aberta pola Comisión Europea sobre as directivas de Hábitats e Aves, na que a experiencia e intereses dos diferentes países marcará o devir desta lexislación marco.

A ONC manifestou a FACE que non hai dúbida de que as directivas europeas foron moi beneficiosas para a conservación de diferentes especies e hábitats, e que serviron como un bo marco coordinador entre os diferentes países da Unión Europea.

Non obstante, tamén advertiu os colegas europeos de que a inflexibilidade de ambas as dúas directivas supuxo graves problemas para o devir da actividade cinexética e ambiental en España. Así, dende o punto de vista cinexético, as dificultades xurdidas en diferentes rexións -motivadas polas denuncias de diferentes grupos ecoloxistas que aproveitaron o ditado por esta lexislación- coa perdiz con reclamo, as diferentes especies de media veda, o silvestrismo ou a caza ou control poboacional do lobo ao sur de Douro, fan que estas especies e modalidades de caza corran un grave perigo. Para a ONC, o Comité Ornis -encargado de regular os períodos de migración prenupcial, cría e reprodución-, establece para España unhas datas inflexibles sen ter en conta circunstancia ningunha de latitude ou de transformación de especies migratorias a sedentarias, como é o caso da pomba torcaza.

Por outro lado, para a ONC un dos problemas máis graves xurdiu co desenvolvemento da Red Natura 2000, dado que, ademais da vergonzosa opacidade na súa demarcación e constitución, os plans de xestión que os regulan están a reflectir limitacións a un modelo de xestión que, precisamente, é o que permitiu ese grao de protección.

Ante esta circunstancia, a postura que a ONC transmitiu a FACE pódese ver resumida nos puntos expostos a continuación:

1.- A ONC defenderá a continuidade das actuais directivas, sempre e cando se desenvolva unha maior flexibilización que permita a cada país unha marxe na interpretación e desenvolvemento da lexislación.

2.- Se finalmente son modificadas as directivas, a ONC avogará por un cambio só nos anexos (marco de protección das especies) das directivas, non no articulado.

3.- A ONC solicita o desenvolvemento dunha guía para a interpretación de ambas as dúas directivas, tanto a nivel europeo coma a nivel nacional, co obxecto de que cada CCAA non desenvolva posteriormente normativa cinexética e ambiental sobre a base de diferentes interpretacións deste marco normativo.

4.- Os cazadores españois deben estar representados dentro do Comité Ornis por algún dos científicos mellor valorados no mundo cinexético español, o cal debe ser coñecedor das diferentes realidades que se dan nas rexións españolas.

5.- As directivas, máis alá de fundamentos ecolóxicos, deben ter en conta os aspectos relacionados coas tradicións culturais e socioeconómicas dentro das particularidades de cada municipio.

6.- Por último, a ONC vai solicitar un incremento dos fondos destinados para estas directivas, especialmente para a Red Natura 2000, para que a conservación dos mellores espazos protexidos deixe de correr a cargo dos propietarios, agricultores, gandeiros ou cazadores e dunha vez se compensen todos os esforzos investidos.

Finalmente, a ONC quixo mostrar o seu agradecemento aos 20.000 cazadores españois que, ata a data, participaron na campaña de recollida de firmas que se está a realizar dende a web www.sialacaza.com para responder á enquisa formulada pola Unión Europea, e anima a todas as persoas que aínda non o fixesen a que asinen antes do 24 de xullo.

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza