O novo campión galego é o lucense Michael Otero con Fina
Na xornada do pasado sábado 17 de xuño os amantes dos cans de rastro sobre xabaril tiñan unha cita no concello pontevedrés de Pazos de Borbén onde se disputaría a edición número XXII do Campionato Galego de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril.
Os máis de 30 monteiros clasificados nos seus campionatos provincias, Copa Galicia e o campión da edición anterior, achegábanse a Pontevedra para desfrutar dun campionato organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de Pazos de Borbén.
Baixo un sol de xustiza e co termómetro acadando valores superiores os 30 grados tiña lugar este autonómico de xabaril que destacou pola calidade dos campos onde tiveron lugar as fases clasificatorias e final así como unha extraordinaria organización liderada por Roberto Carlos Costa Tellado.
Foi o monteiro lucense Michael Otero Folgueira o que coa súa cadela de nome “Fina” obtiña o primeiro posto con 236,5 puntos e se proclamaba Campión Galego da especialidade. Os seguintes postos do podio tamén foron ocupados por monteiros lucenses, a prata recaeu en José Quintela García con “Clai” cun total de 225,5 puntos. O ata este día actual campión galego da especialidade, José Manuel Fernández Fernández co seu can “Pirulo”, situouse en terceira posición da clasificación xeral con 224,75 puntos.
A clasificación restante resultou na seguinte orde: José Luis Iglesias, Antonio Sánchez, Manuel Vecino, Francisco Rodeiro, Juan Vecino, Salvador Sestelo, José Manuel Barreiro, Jacobo Rodríguez e Manuel Rodríguez.

Organización, autoridades, xuíces, participantes e público desfrutaron dun extraordinario xantar que tivo a súa guinda na entrega de premios os primeiros clasificados.
O vindeiro 1 de xullo terá lugar en Grado (Asturias) o Campionato de España de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril no que desexamos que os monteiros galegos que representen a nosa comunidade obteñan un destacado papel.
