Jorge Martín con “Max da Chousa” e Nuria Varela con “Perseo da Xeara” son os novos campións galegos de San Huberto

XXVI Campionato Galego de Caza San Huberto Xunta de Galicia desputado en Mañón
No día de onte, 10 de agosto, tiña lugar o Campionato Galego de Caza San Huberto no que Jorge Martín Sánchez en Homes e Nuria Varela Painceiras en Donas, resultaban campións.
Coa organización da Federación Galega de Caza e a colaboración da Sociedade de Cazadores Venatoria de Mañón e a Agrupación de Cazadores do Ortegal desputábase esta fase final clasificatorio para o Nacional da especialidade que se desputará, o 21 e 22 de setembro, en Castellón.
Os participantes repartíronse en 4 campos: tres campos para Homes e un para Donas. O intenso barrage final de Homes foi desputado polos dous mellores de cada campo, nesta ocasión foron: Juan Jose Canosa, Jorge Martín, Antonio Costa, Edelmiro Leira, Juan Carlos Arteche e Camilo Taboada.

Na categoría Homes o cazador Jorge Martín Sánchez co macho de pointer “Max da Chousa” obtiña a mellor puntuación, 75 puntos, e acadaba o título de campión autonómico da especialidade. Juan José Canosa Vigo tamén cun macho de pointer de nome “Nike da Chousa” era o subcampión con 67 puntos, namentres que Antonio Costa López co setter macho de nome “Paiper” obtiña o bronce con 59 puntos.

A cazadora Nuria Varela Painceiras co pointer “Perseo da Xeara” era, con 55 puntos, a flamante campiona na categoría de Donas. A prata era para Nicolasa González Carredoguas coa setter “Berta de Vilar de Donas” e 53 puntos. Lidia Almeida de Oliveira acompañada do macho de setter inglés “Dilan de Piago” acadaba o terceiro posto da clasificación con 50 puntos.

Neste Autonómico de San Huberto tamén se deu a coñecer o Campión da Copa Galicia da especialidade. Nesta ocasión resultou gañador Roberto Dopico Dopico que recibía a placa de campión e un pase directo para o Campionato Nacional da especialidade.

Para o vindeiro Nacional a Selección Galega quedou conformada polos seguintes deportistas: Jorge Martín, Antonio Costa, Edelmiro Leira, Roberto Dopico, Juan José Canosa (Campión da Copa España 2023), Nuria Varela, Nicolasa González e Lidia Almeida.
Este Campionato Galego contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia, Mutuasport e Arion.
