Salvador Sestelo con “Covi” acada o bronce no Nacional de Xabaril e Saleta Souto con “Alma” campiona da Copa de España Xuvenil

O pasado sábado, 27 de xuño, desputábase nos concellos coruñeses de Ordes e Oroso a edición XXXIII do Campionato de España de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril e a III Copa de España Xuvenil. Unha proba na que a selección galega senior e o equipo xuvenil partía con grandes expectativas de acadar grandes resultados e que a postre así se confirmaría.

A selección galega absoluta estaba conformada polos seguintes monteiros: Antonio Sánchez, Joaquín Villamil, Daniel Souto, Francisco Rodeiro, Julio Ferradás, Salvador Sestelo, Miguel Ángel Rey e Alberto Arnoso. Na fase clasificatoria tanto Antonio Sánchez como Salvador Sestelo obtiveron o primeiro posto de cada campo.

Desputada a fase final foi o monteiro pontevedrés Salvador Sestelo Núñez co seu can “Covi” o que obtiña o terceiro posto da clasificación final. O asturiano Diego Molina coa cadela “Loquina” era o campión absoluto e revalidaba o título acadado na edición anterior. A prata tamén era para Asturias da man de Luciano Lago e o seu can Rodolfo. Destacamos o 4º e 9º posto acadados por Antonio Sánchez e Miguel Ángel Rey, respectivamente.

A maior ledicia galega chegou da xoven monteira Saleta Souto Pampín que coa súa cadela “Alma” subía ao máis alto do podio e acadaba o título de campiona da Copa de España de Rastro de Xabaril.