Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
COMUNICACIÓN E DEPORTE
Javier Nogueira repasa en Pontevedra os valores deportivos da caza
24/10/2011

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra da UVI foi hoxe escenario dunha conferencia sobre deporte na que participou o Presidente da FGC.

Baixo o título Promoción do ‘Deporte que non é deporte’, a Universidade de Vigo organiza unhas xornadas que durante o día de hoxe e ata mañá tratarán de achegar aos asistentes a realidade de diversos deportes que pola súa especial natureza non sempre son vistos como tal a ollos da masa social. Xadrez, futbolín, bridge, pesca e caza son algúns dos deportes que son analizados nestas Xornadas da Comunicación e do Deporte que alcanzan este ano a súa quinta edición.

Javier Nogueira, Presidente da Federación Galega de Caza, ofrecía esta mañá ás 11.45h unha conferencia titulada “¿É a caza un deporte? Organización dos seus eventos dende a Federación Galega”, coa que pretendía por en releve os importantes valores deportivos, sociais e mesmo económicos da actividade cinexética.

A exposición de Nogueira xiraba en torno a dous bloques principais: amosar que a caza é un deporte e presentar as distintas modalidades e eventos que organiza a nivel deportivo a Federación Galega de Caza.

O Presidente federativo recalcaba a realidade deportiva da caza mediante as diferentes definicións que do deporte existen, tanto dende o punto de vista académico-lingüístico como dende o lexislativo-legal. Por exemplo, a Real Academia Española define o deporte como “[...] actividad física, ejercida como juego o competición, cuya práctica supone entrenamiento y sujección a normas” ou unha “Recreación, pasatiempo, placer, diversión ou exercicio físico, polo común ao aire libre”, descricións ambas, que se acomodan perfectamente á esencia da caza.

Tamén salientaba a importancia da caza a nivel social e económico, como sector con máis importancia económica no ámbito rural e un dos máis puxantes dentro da economía galega. Ademais, lembraba que a caza é a actividade deportiva máis practicada no rural, ademais dun importante motor dentro do turismo rural, como alternativa ao turismo estival.

Na segunda parte da conferencia, Nogueira facía un repaso ás competencias da Federación Galega de Caza no terreo da competición cinexética, como a exclusividade da organización de tódolos eventos deportivos relacionados coa caza, ao tempo que percorría as distintas modalidades nas que se encadran as súas probas deportivas.

A conferencia do responsable da FGC concluía cunha completa referencia ao importante palmarés competitivo dos deportistas cinexéticos galegos, tanto a nivel nacional como internacional, con máis de 20 metais acadados no último ano, e á importancia do deporte cinexético no ámbito social e rural, só superado en número de federados polo Fútbol.

Rematada esta primeira xornada, o Presidente, en nome da Federación Galega de Caza, desexa dar as grazas aos asistentes pola súa acollida e á Universidade de Vigo por contar coa caza para estas xornadas, pois sen dúbida este tipo de iniciativas axudan a dar a coñecer en maior medida o noso deporte á sociedade.

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

CRÍA E COIDADOS DO CAN DE CAZA
16/03/2019
Presentación da biblioteca cinexética de Mutuasport

FESTA DA CAZA DE TABOADA
11/03/2019
A “II Festa da Caza” de Taboada repetiu éxito

CURSOS FORMACIÓN
30/10/2017
Ampla e activa participación no II Curso de Formación de A Coruña

CARNE CAZA
22/5/2017
ASICCAZA achega o sabor e as bondades da carne de caza a máis de 400 nenos de Estremadura


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza