Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
ESTUDO
A ONC e o Ministerio de Medio Ambiente poñen en marcha un estudo para demostrar a importancia da caza
2/12/2014

A Oficina Nacional de la Caza (ONC) vai impulsar nos próximos meses o proxecto titulado "El Potencial del Movimiento Asociativo Cinegético como herramienta de conservación de la naturaleza y de la biodiversidad en España", que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad.

O citado proxecto foi seleccionado na Convocatoria da concesión de axudas para a realización de actividades no ámbito da Biodiversidade terrestre no exercicio 2014 da Fundación Biodiversidad.

O estudo que vai realizar a ONC pretende rexistrar de xeito obxectivo a importancia da caza en España, tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais, a través dun importante traballo de recompilación de datos e información entre o conxunto do sector cinexético, as distintas administracións públicas, expertos na materia e ONGs.

Así mesmo, este proxecto estudará as políticas e prácticas cinexéticas que se están a impulsar en España e noutros países europeos, e ademais recompilará as diferentes visións existentes sobre a xestión da caza para redactar unha guía de recomendacións de políticas e boas prácticas cinexéticas para as distintas administracións do noso país e os diferentes grupos con intereses na materia, entre eles o sector dos cazadores.

En opinión da Oficina Nacional de la Caza, a caza é a explotación dun recurso natural renovable que son as poboacións das distintas especies cinexéticas. Trátase dunha actividade tan antiga como a especie humana, que sufriu unha transformación constante ao longo do tempo. Hoxe en día adquiriu unha gran relevancia o seu valor como actividade lúdica. En España é unha actividade que dende hai anos desempeñou un papel socioeconómico destacado en moitas bisbarras rurais do conxunto do Estado. Ademais, como actividade de ocio, experimentou un rápido desenvolvemento nos últimos 30 anos.

Actualmente, o número total de cazadores aproxímase ao millón, e a caza xera máis de 3.600 millóns de euros de riqueza e 50.000 postos de traballo.

As diferentes políticas de ámbito europeo e nacional sinalan á caza como un dos posibles motores de desenvolvemento económico. Non obstante, para que esta actividade sexa realmente unha actividade económica sostible, e, polo tanto, perdurable ao longo do tempo, non só precisa de hábitat, recursos, axudas ou infraestruturas axeitadas, tamén depende de que se explote o recurso sen esgotalo, co fin de que poida ser utilizado por xeracións futuras.

Deste xeito o traballo da ONC pretende afondar en todos estes factores, e facer públicos os resultados, involucrando coas súas conclusións ao conxunto do sector cinexético, ás administracións públicas, aos grupos de interese no estudo e, en definitiva, ao conxunto da sociedade, a través da celebración de diversos eventos e dos medios de comunicación e as redes sociais.

Ver resume do proxecto

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza