25 de novembro de 2026
XORNADA FORMATIVA ARMAS

A FGC de Pontevedra aposta pola formación e a seguridade no manexo das armas dos futuros cazadores

 

A Federación Galega de Caza de Pontevedra celebrou onte unha nova Xornada de Preparación para o Exame de Armas, unha iniciativa formativa impulsada pola delegación provincial que preside Paco Couselo e orientada a facilitar aos aspirantes á obtención do permiso de armas os coñecementos necesarios para afrontar esta proba, ao tempo que promove unha formación responsable e segura entre aqueles que se achegan por primeira vez ao mundo da caza.

Esta actividade totalmente gratuita e pioneira a nivel nacional, constitúe unha aposta da Federación pola formación dos futuros cazadores, entendendo que o coñecemento, a responsabilidade e a seguridade no manexo das armas son aspectos fundamentais para o exercicio da actividade cinexética. Ademais, iniciativas deste tipo contribúen a favorecer o acceso das novas xeracións á caza, promovendo o relevo xeracional.

A xornada desenvolveuse coa colaboración da Intervención de Armas da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, tendo como ponente ao Capitán Felix Díaz, que participou no apartado formativo achegando coñecementos relacionados coa normativa, a seguridade e os aspectos fundamentais que deben coñecer os aspirantes no ámbito do manexo e uso responsable das armas.

O programa combinou unha parte teórica, na que se abordaron diferentes contidos relacionados coas armas e a súa seguridade, cunha sesión práctica na que os participantes puideron utilizar o simulador de tiro da Federación Galega de Caza, unha ferramenta que permite complementar a formación e que contou co asesoramento técnico do xoven cazador Sergio Suárez membro das Xuventudes pola Caza.

Desde a Federación Galega de Caza destacan a importancia de seguir promovendo este tipo de actividades formativas, que non só contribúen á preparación dos futuros cazadores, senón que tamén reforzan o compromiso do colectivo coa seguridade, a responsabilidade e a formación continua.

A Federación agradece igualmente á Deputación de Pontevedra a cesión das instalacións para o desenvolvemento desta xornada, unha colaboración mais que contribúe ao impulso do colectivo cinexético.

Este tipo de propostas son, ademais, un exemplo dos servizos e actividades que a Federación pon á disposición dos cazadores.

Noticias relacionadas

Mantente informado

Política de cookies

Usamos cookies técnicas necesarias e, se o autorizas, cookies analíticas e de marketing. Podes aceptalas, rexeitalas ou personalizalas agora. Consulta a nosa política de cookies para máis información.