O TSJ de Madrid da a razón ás sociedades expulsadas de Galicia

No ano 2014, en pleno conflito coa Real Federación Española de Caza (RFEC) tralas eleccións do ano 2012, os, naquel momento, dirixentes da Federación Española expulsaron a tres sociedades galegas que formaban parte da asemblea xeral da RFEC, concretamente ás sociedades de caza Xabarín (A Coruña), Monte Penamaior (Lugo), e Xungos (Ourense).
A Federación Galega de Caza (FGC) e as sociedades de caza afectadas entendendo que as expulsións nin se axustaban a dereito nin obedecían a criterios obxectivos, senón que se producían dentro do marco da disputa que mantiña enfrontadas a 8 federacións autonómicas, entre elas a FGC, e a Nacional, recorreu aos tribunais de xustiza, e, tras diversas dilacións no procedemento, por fin o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ven de dar a razón ás sociedades galegas, anulando a expulsión e condenando en costas aos demandados (Real Federación Española de Caza e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte).
A pesar de que a sentenza chega tarde, porque desde o pasado mes de febreiro a RFEC conta cun novo Presidente, que conseguiu poñer fin ao enfrontamento aberto polos seus antecesores e reunificar novamente a tódalas federacións do estado dentro da estrutura da RFEC, desde a FGC valoran moi positivamente a sentenza, que xa é firme.